O salario bruto medio na Galiza, dous anos por detrás da media estatal

O salario medio mensual, en termos brutos, subiu 3,13% o ano pasado, até 2.056,5 euros, que son 72 euros menos que o soldo media do conxunto estatal, segundo os datos que publica esta sexta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). 
Os salarios da mocidade seguen a estar polo baixo. (Foto: M. Arrazola)
photo_camera Os salarios da mocidade seguen a estar polo baixo. (Foto: M. Arrazola)

O salario medio mensual, en termos brutos, subiu 3,13% en 2022 na Galiza, algo máis que a media, até 2.056,5 euros, que son 72 euros menos que o soldo media do conxunto estatal, segundo os datos que publica esta sexta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). É a primeira vez que o salario medio mensual na Galiza supera os 2.000 euros, cifra que pasou a media estatal xa en 2020.

No conxunto estatal, o salario medio mensual, en termos brutos, subiu 2% en 2022, ata os 2.128,4 euros, a súa cifra máis alta desde que comezou a serie en 2006, segundo o decil de salarios que elabora o INE a partir dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA).

É o sexto ano consecutivo no que se incrementa o salario medio despois de que en 2016 baixase por primeira vez en dez anos. O aumento de 2022 moderouse respecto ao que se experimentou en 2021, cando subiu un 2,4%.

Segundo os datos, 40% dos asalariados no Estado (6,8 millóns de asalariados) gañaron entre 1.440,1 e 2.373,7 euros brutos ao mes en 2022, mentres que 30% (5,14 millóns de persoas) obtivo remuneracións de polo menos 2.373,7 euros mensuais e 30% restante (outros 5,14 millóns de asalariados) cobrou un soldo inferior a 1.440 euros ao mes.

Dentro deses 5,14 millóns de asalariados que percibiron as remuneracións máis baixas, máis de 3,4 millóns gañaron menos de 1.252,7 euros brutos mensuais no seu emprego principal, en tanto que 1,7 millóns cobraron menos de 955,55 euros. Así mesmo, 1,7 millóns gañaron máis de 3.629,7 euros brutos ao mes.

Para elaborar esta estatística, o INE ordena todos os asalariados -17.141.600 persoas durante o pasado ano- segundo a contía do salario mensual percibido e divídeos en 10 grupos iguais, co 10% dos traballadores en cada grupo.

Como resultado, o salario mediano, que divide ao total dos traballadores en dous partes iguais, os que teñen un salario superior e os que teñen un salario inferior, situouse en 2022 en 1.814 euros brutos mensuais, 3,2% máis que en 2021 (56,6 euros máis). Este salario mediano é case 315 euros inferior ao salario medio de 2022 (2.128,4 euros).

Os salarios máis baixos concentráronse en 2022 nas actividades dos fogares como empregadores de persoal doméstico (981 euros), hostalaría (1.389,9 euros) e agricultura, gandería, silvicultura e pesca (1.477,3 euros). Iso débese en parte á maior proporción de empregos a tempo parcial e á temporalidade nestes sectores.

Pola contra, as remuneracións máis elevadas déronse nas actividades de subministración de enerxía eléctrica e gas (3.498 euros ao mes), nas actividades financeiras e de seguros (3.393,7 euros de media ao mes) e en información e comunicacións (2.940,6 euros).

Comentarios