Rueda avala a venda de dereitos eólicos de Greenalia

A venda de dereitos eólicos procedentes das adxudicacións das Administracións públicas centra agora os negocios das renovábeis na Galiza e no Estado. A  compra por parte da multinacional francesa Engie de 182 MW de potencia eléctrica en fase de desenvolvemento á enerxética galega Greenalia é o último episodio dunha práctica prohibida no seu momento polo Goberno galego bipartito (2005-2009). Alfonso Rueda avala esta operación.

Planta de Alcoa San Cibrao. (Foto: Europa Press)
photo_camera Planta de Alcoa San Cibrao. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, sinalou esta quinta feira na rolda de prensa posterior ao Consello do Goberno galego que “este tipo de operacións son bastante habituais entre os operadores”. Así, a unha pregunta de Nós Diario deu o seu visto bo a estas transaccións, que entre 1995 e 2004, durante os anos do Goberno de Fraga, chegaron a mover 1.200 millóns de euros e provocaron unha investigación por parte da Fiscalía. Tanto é así, que o Goberno bipartito do PSdeG e BNG aprobou en 2007 un decreto que impedía este tipo de prácticas, na liña da lexislación vixente noutros territorios como Euskadi ou Nafarroa.

Rueda avivou as dúbidas que se atopan detrás da operación entre Engie e Greenalia. Malia recoñecer que algunhas das concesións vendidas foron adxudicadas á empresa de Manuel García Pardo pola Xunta da Galiza e que outras resultaron favorecidas na súa tramitación pola Administración por facer parte da Power Purchase Agreement (PPA, 'acordo de compravenda de enerxía') asinada entre Greenalia e Alcoa, o mandatario galego limitouse a sinalar que “as condicións nas que se produciron a autorizacións debe mantelas o novo propietario”.

O futuro da PPA

O mandatario galego negouse a explicar como influirá esta decisión na posta en práctica da PPA  acordada entre Greenalia e Alcoa. A este respecto, preocupa na multinacional estadounidense do aluminio se Engie vai achegar electricidade nas condicións pactadas no momento de arranque do groso das cubas da fundición en abril de 2025, como prometera Greenalia, ou vai atrasar esta decisión para o momento de entrada en funcionamento dos parques eólicos obxecto da transacción, algo que pon en cuestión a viabilidade da factoría de San Cibrao, en Cervo (A Mariña).

Rueda gardou silencio sobre os activos obxecto desta operación. Así, interpelado por Nós Diario, pasou de longo por este tema, se ben o Goberno galego concedeu a Greenalia 246,4 MW entre outubro de 2022 e xaneiro de 2023. Na mesma dirección, en novembro de 2022, a Xunta da Galiza apoiou que a empresa instalase sete parques eólicos cunha potencia total de 525 MW en zonas non autorizadas, por atoparse fóra da área delimitada no plan sectorial eólico. Precisamente, unha parte destes proxectos estaban, formalmente, destinados a fornecer de electricidade a planta de  Alcoa de San Cibrao (Cervo) e de Showa Denko na Coruña.

A totalidade dos dereitos eólicos galegos incluídos na transacción contan con autorización da Administración pero ningún deles está en obras ou funcionamento. Nesta dirección, Greenalia só ten operativos na Galiza 74,6 MW eólicos situados na Costa da Morte e na Mariña.

Comentarios