Rueda ve "coherencia" en que Feixoo avale hoxe pactos con Vox que en 2020 rexeitou "como presidente" da Xunta

Feixoo dicía no pasado que non pactaría coa extrema dereita por estar "en contra da Galiza".
Alfonso Rueda, no pleno desta terza feira do Parlamento. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, no pleno desta terza feira do Parlamento. (Foto: Arxina)

O presidente galego, Alfonso Rueda, defendeu esta quinta feira en declaracións aos medios a "coherencia" do seu xefe de partido, Alberto Núñez Feixoo, por avalar na actualidade pactos coa extrema dereita en comunidades autónomas como o País Valencià, algo que, dixo, non bate coas declaracións que fixo "como presidente da Xunta" en 2020, cando afirmou que non pactaría con Vox porque a vía como unha organización que estaba "en contra da Galiza".

Cuestionado sobre os acordos de goberno que está a subscribir o PP a nivel autonómico co partido extremista que lidera Santiago Abascal, Rueda sinalou que non pode "dar consellos nin opinións" sobre o que ocorre noutras comunidades. "A min non me gustaría que mas desen", apostilou.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta desta quinta feira, o líder do PP galego incidiu en que as declaracións de Feixoo nas que rexeitaba alcanzar acordos con Vox por tratarse dun partido que estaba "en contra" dos intereses galegos producíronse cando o seu antecesor estaba á fronte da Xunta.

Neste sentido, lembrou que Vox unicamente ten un representante institucional no país, logrado nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio no concello de Avión. "Ante as moitísimas posibiliades de Vox de ter represntacion na Galiza nas pasadas municipais, só tivo unha, en Avión. E eu alégrome moito de que sexa así", aseverou Rueda.

Comentarios