As rendas baixas en Galiza pagan dos impostos máis elevados do Estado

O que se paga de IRPF no noso país por unha renda bruta anual de 16.000 euros sitúanos entre os 4 territorios do Estado co imposto máis elevado. Mais se esa renda fose de 600.000 anuais, seriamos o segundo onde menos pagariamos de impostos.

cartos

Onde un vive inflúe, e non pouco, á hora de pagar impostos, sexan estes o IRPF, o de sucesións ou o de patrimonio. E no que atinxe ao Imposto da renda das persoas físicas, vivir en Galiza e cunha renda baixa sae 'caro'. Por contra, vivir en Galiza e cunha renda ben ostentosa, sae ‘barato’. Así se desprende dun informe que recentemente veu a luz, elaborado polo Rexistro de Economistas Asesores Fiscais.

Este 2015 entra en vigor a reforma fiscal, que en Galiza amortece o seu impacto pola decisión da Xunta de non variar á baixa o seu tramo do IRPF.

En base a ese informe, un ‘contribuínte tipo’ -solteiro, sen fillos, menor de 65 anos, sen discapacidades e outras circunstancias que poidan darlle dereito a deducir- que teña unha renda bruta anual de 16.000 euros pagaría en Galiza 1.611 euros. O cuarto territorio de todo o Estado español onde máis pagaría. Uns 140 euros máis dos que se vivise en Madrid.

Desigualdade

Se ese contribuínte que vive en Galiza ten unha renda anual de 30.000 euros tocaríalle abonar case 5.145 euros, uns 212 euros máis que se vivise na capital do Estado.

E, se esa persoa tivese unha renda de 600.000 euros, pagaría 258.000 euros. O segundo territorio do Estado onde menos pagaría. En calquera outro, agás Madrid, unha persoa cuns ingresos desta cantidade inxente pagaría máis impostos.

Comentarios