A renda per cápita nas comarcas máis ricas da Galiza duplica a das máis pobres

Entre a comarca que rexistra mellores cifras na renda por habitante (A Coruña, 18.319 euros) e a que ten peores números (A Paradanta, 9.046) hai unha fenda que non deixa de alargarse. Unha persoa da primeira ten uns ingresos de media que duplican os da segunda. Son as dúas Galizas.
Galiza betanzos xeografía vila cidade territorio

Un total de 36% dos habitantes da Galiza reside nos sete concellos máis poboados, o cal ten influencia sobre a repartición da renda municipal, non só pola relación entre o número de habitantes e a renda total dun municipio, senón porque tamén dá a idea da concentración das actividades produtivas, xeradoras de renda e emprego, que actúan como elemento de fixación de poboación.

De feito, a renda total dos residentes na Coruña e Vigo supón o 23% do total da renda e suman 19,6% da poboación.

Pola súa parte, Oleiros, cunha renda por habitante de 22.959 euros, segue como o Concello que ten unha maior riqueza, 51,7% superior á media galega (un total de 15.132 euros). Outros seis concellos teñen unha renda media por habitante que supera en 15 puntos ou máis a media nacional en 2018: A Coruña, Santiago, Bergondo (nas Mariñas), Nigrán (comarca de Vigo), Ourense e As Pontes (comarca do Eume). Os de Teo (comarca de Compostela), Lugo e Pontevedra completan os 10 concellos con máis renda por habitante.

Salarios e prestacións sociais

A remuneración de persoas asalariadas é a principal fonte de renda de 216 concellos galegos (69%). Desde 2013, está a incrementarse o número deles cuxa principal fonte de renda son os salarios. Con todo, en 95 municipios, sobre todo do interior, son as prestacións sociais as que achegan un maior volume de recursos, aspecto moi vinculado ao envellecemento da poboación.

No período 2010-2022 hai catro consistorios nos que a principal fonte de ingresos nos fogares son as mixtas, é dicir, a remuneración do traballo non asalariado: Friol e Portomarín (comarca de Lugo), A Pastoriza (Terra Chá) e A Illa de Arousa (O Salnés). En toda Galiza, as cotizacións sociais pagadas cobren 66% das prestacións sociais que reciben os galegos e galegas. Só en oito concellos: Ames e Brión (comarca de Compostela), Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros (comarca da Coruña), Oroso (comarca de Ordes) e Salceda de Caselas (comarca de Vigo) son maiores as cotizacións sociais pagadas que as prestacións sociais recibidas polos residentes.

Diferenzas entre comarcas

Por comarcas, as da Coruña e Santiago son as que presentan unha maior renda bruta por habitante e as únicas que superan os 17.000 euros. Nas comarcas dos Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, Terra de Caldelas e Terra de Celanova as prestacións sociais que reciben os fogares son a principal fonte de renda.

Clasificación das cidades

Se se comparan os datos das sete cidades galegas, despois de Santiago e A Coruña, a terceira urbe con maior renda é Vigo con 13.163,68 euros anuais por persoa. A cuarta é Ferrol, con 13.115,96 euros, e a quinta, Pontevedra, con 13.047,27 euros. As dúas cidades galegas coa renda neta máis baixa per cápita en 2021 foron Ourense (13.036,53 euros) e Lugo (12.992,30 euros). Por fogares, Santiago de Compostela tamén lidera a clasificación, cunha media de 36.213,12 euros por cada familia durante o ano 2020. En segunda posición atópase A Coruña, con 34.375,96 euros. 

A estas dúas séguena Vigo, con 33.926,82 euros, e Pontevedra, con 31.981,76. Máis perto do limiar dos 30.000 euros por fogar, mais aínda por riba do mesmo, atópanse Lugo, con 30.461,95 euros, e Ourense, con 30.118 euros. Fecha a clasificación Ferrol, cunha renda media por fogar durante o ano 2020 de 28.753,27 euros.

Unha das notas máis negativas para a Galiza do Atlas de Distribución da Renda dos Fogares que elabora o Instituto Nacional de Estatística (INE) é o avellentamento. Tanto é así que o sueste do país, xunto coa súa zona limítrofe en Castela e León supuñan en 2020 as dúas principais illas vermellas de avellentamento do conxunto do Estado español, cunha porcentaxe de poboación maior de 65 anos que na gran maioría dos municipios destas áreas superaba nese exercicio 41,6% do total.

Comentarios