Galiza, no podio dos territorios onde menos pagan as persoas con ingresos máis altos

Terceira comunidade que menos grava as rendas de máis de 220.000 euros.
Reunión esta quinta feira do Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Miguel Corgos, Francisco Conde, Alfonso Rueda, Diego Calvo e Ángeles Vázquez, na reunión do Consello da Xunta da semana pasada. (Foto: Xunta)

O Goberno galego aprobou a semana pasada presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o denominado 'imposto ás grandes fortunas' impulsado polo Executivo español. O presidente galego, Alfonso Rueda, xustificaba esta decisión por ser esa medida do Estado unha invasión de competencias da Xunta da Galiza, que aprobara elevar até 50% a bonificación ao imposto ao patrimonio —aquel que pagan as persoas contribuíntes que posúen bens ou dereitos por máis de dous millóns de euros—.

Tanto o BNG como o PSdeG criticaron a decisión de Rueda de recorrer o imposto ás grandes fortunas. A líder da oposición, Ana Pontón, cualificou de “obscenidade” o anuncio do recurso e censurou que o Executivo galego estea disposto a “defender con uñas e dentes” as persoas que máis teñen, en plena “crise de prezos”, mentres se esquece da “maioría social”.

Pola súa parte, a viceportavoz do PSdeG na Cámara galega, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamaba esta segunda feira a Rueda que retirase o recurso e acusábao de pórse "a carón de Díaz Ayuso" [presidenta da comunidade de Madrid].

Tramos

O informe do Consello Xeral de Economistas de España sobre o que se pagará de media de Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) nas diferentes comunidades en 2023 —a campaña vai do 11 de abril ao 30 de xuño— sitúa a Galiza como un dos territorios onde ter máis renda sae máis barato

Así, e por tramos de renda, a Galiza figura no podio das tres autonomías onde as persoas contribuíntes con ingresos entre 220.000 e 600.000 euros menos teñen que pagar; e para aquelas cunha renda de 160.000 Galiza é a cuarta autonomía máis 'barata'.

O Consello Xeral de Economistas explica que os resultados elabóranse en base a unha persoa contribuínte-tipo: que obtén unicamente as rendas do traballo, menor de 65 anos de idade e que non está casada. Así, para o tramo de 600.000 euros, a comunidade onde máis barato sae o IRPF é Madrid (abonarían 251.900 euros), seguida de Castela e León (257.000) e a Galiza (263.000). No caso galego, son 27.000 euros menos que os que as persoas contribuíntes con ese nivel de ingresos terían que pagar no País Valencià, ou 17.000 menos dos que esas persoas con ingresos de máis de 600.000 euros abonarían en Nafarroa.

Pagar menos

A situación repítese nos segmentos con ingresos de 220.000, 300.000 e 400.000 euros. Neste último, aos contribuíntes na Galiza pagan ao redor de 169.000 euros, como en Castela e León. Só en Madrid terían que desembolsar menos con este IRPF (case 162.000). No País Valencià abonarían máis de 190.000 e na gran maioría dos territorios o que pagarían estas persoas estaría por riba dos 175.000-180.000 euros.

A mesma dinámica acontece co resto de tramos 'altos'. A persoa cun segmento de renda anual de 300.000 euros ten na Galiza a terceira comunidade do Estado español onde menos vai ter que pagar: 122.000 euros. Outra vez, formando podio canda Madrid e Castela e León.

O número de persoas ricas, en aumento malia a crise

A Comunidade de Madrid concentra 19.090 contribuíntes con grandes fortunas, aquelas que declaran patrimonios superiores aos 30 millóns de euros, e encabeza a clasificación como a rexión española cun maior patrimonio medio declarado por contribuínte: 10,2 millóns de euros, de acordo con datos da Axencia Tributaria sobre a recadación do Imposto de Patrimonio en 2022.

Na segunda posición sitúase a Galiza, un dos territorios do Estado coas pensións e os salarios máis baixos e no que o patrimonio medio dunha persoa rica sitúase, de media, ao redor dos 6 millóns e o número de contribuíntes por este imposto abeira as 8.000 cando en 2011 esa cifra era de 7.200. Na Galiza hai actualmente unha persoa rica por cada 350 habitantes.

Comentarios