Protesta de empregad@s de Xóvenes Agricultores que levan meses sen cobrar

No que vai de ano, pola volta un terzo do cadro de persoal viuse na obriga de abandonar a organización agraria. Hoxe despregaron unha faixa denunciando a situación que padece o cadro de persoal.
Faixa da protesta
photo_camera Faixa da protesta

Máis dunha vintena de traballadoras e traballadores de Xóvenes Agricultores-Asaja tiveron que abandonar no que vai de ano a organización agraria. Unha decisión obrigada polo impago desde hai varios meses das nóminas e que levou a algúns empregad@s a procurar unha saída negociada. Na mañá desta segunda, vari@s traballador@s de XX.AA despregaron unha faixa na sé das oficinas principais que a organización ten en Compostela para denunciar a situación que viven e exixiren solucións.

Conexións co PP

Na faixa denunciábase que "Mentres Miramontes divírtese paseando no seu iate aos seus amigos e xefes do PP, os traballadores de Asaja levan 6 meses sen cobrar as nóminas. Menos obstentación e paga aos traballadores". Pérez Miramontes é un dos responsábeis de XX.AA e sae na foto da faixa xunto a Mariano Rajoy e dirixentes populares como Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra.

O cadro de persoal de Xóvenes Agricultores componse de en torno a 40 persoas. Acumulan varios meses sen cobrar as súas nóminas. Desde a dirección da entidade recoñecen  a situación mais reducen a catro os meses sen abonar os salarios, @s afectad@s falan de seis ou sete mensualidades.

A queda nos ingresos e subvencións estaría na orixe da situación, alén das dificultades crecentes para acceder a empréstitos de entidades financieiras. Esta combinación de factores terían desembocado nun estrangulamento dos fluxos de XX.AA que lle dificulta facer fronte ás obrigas de retribución para co seu cadro de persoal.

Comentarios