Análise

A propósito da pobreza enerxética

Rosa Mª Regueiro Ferreira, profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
A pobreza enerxética tamén está relacionada coa saúde, co benestar e coa sustentablidade da contorna. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera A pobreza enerxética tamén está relacionada coa saúde, co benestar e coa sustentablidade da contorna. (Ilustración: Álex Rozados)

No contorno socioeconómico, a existencia dun modelo distributivo feble, a fraxilidade e a temporalidade do mercado laboral, a tensión salarial son algúns dos factores explicativos da pobreza e da vulnerabilidade, por non poder mellorar a dispoñibilidade de renda na sociedade. Esa situación vólvese máis aguda a partires do impacto global da crise da Covid-19 e da crise enerxética contemporánea.

O profesor Sergio Tirado Herrero, nos estudos realizados para a Asociación de Ciencias Ambientais, definiu a pobreza enerxética como aquela situación na que se atopa un fogar cando non é capaz de pagar o aprovisionamento de enerxía suficiente para cubrir as necesidades domésticas ou cando ten que dedicar unha parte excesiva dos ingresos para aboar a factura enerxética da vivenda. Esta definición amosa unha clara relación coa enerxía consumida e co confort de habitabilidade da vivenda. E o total da enerxía consumida depende, cando menos, de tres factores condicionantes: o prezo da enerxía, o nivel de ingresos da unidade doméstica e a eficiencia enerxética das vivendas. Polo tanto, poden considerarse dous tipos de pobreza enerxética: un máis convencional que está vinculado cos fogares con recursos baixos, e outro mais específico que afecta aos fogares con vivendas mal illadas. Unha mesma problemática, con diferentes facianas e intensidades, que pode dificultar ou impedir a cobertura das necesidades humanas básicas.

Fogares fráxiles

Os datos recentes son preocupantes e permiten múltiples enfoques e lecturas. Eurostat sinalou que para o ano 2020 o 9,1% da poboación de España tiña incapacidade e/ou dificultade para manter unha temperatura axeitada na vivenda. No ano 2019, o valor foi de 8%. E dentro da tipoloxía de fogares, coincidindo cos datos de Intermon Oxfam, o perfil predominante era o de fogar monoparental, de mulleres con menores de 16 anos ao seu cargo, e tamén de persoas soas maiores de 65 anos. Se atendemos aos datos de Cruz Roja Española, elaborados sobre as persoas que atenderon (70% españolas), repítese o mesmo patrón: a pobreza enerxética afecta sobre todo a mulleres (68%), con gran presencia en fogares con menores de 16 anos (49%), familias monoparentais (14,4%) e familias numerosas (15,3%).

O Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, na publicación dos indicadores primarios da Estrategia Nacional contra la pobreza energética, de decembro de 2021, sinalou que no período 2017-2020 aumentou a porcentaxe de fogares con retrasos no pago das facturas de subministración das vivendas (7,4% en 2017 e 9,6% en 2020), aumentou a porcentaxe da poboación que non pode permitirse unha temperatura axeitada da vivenda no inverno (8% en 2017 e 10,9% en 2020), entre outros. As cifras adquiren especial relevancia nos fogares con membros en situación de desemprego, en réxime de propiedade con hipoteca e tamén en aluguer con renda antiga.

Se queremos unha economía baixa en carbono é imprescindible reducir a pobreza enerxética e aumentar a eficiencia enerxética

Tamén para España, no ano 2022, a organización Green Building Council España (GBCe) sinalou que perto do 25% dos fogares son vítimas da pobreza enerxética ou monetaria, e que se deberían dedicar unha quinta parte dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia para intentar erradicar esta problemática. Se queremos unha economía baixa en carbono é imprescindible reducir a pobreza enerxética e aumentar a eficiencia enerxética, sendo precisa a participación de todos os niveis administrativos, ademais dos sectores privado e civil.

Pobreza e benestar

Estas cifras amosan que os fogares máis desfavorecidos, cunha maior fraxilidade económica e con peor eficiencia enerxética, teñen mais probabilidade de estar nesta situación. E sen esquecer que a pobreza enerxética tamén está relacionada coa saúde, co benestar e coa sustentablidade da contorna.

Nas últimas décadas do século XX, Gran Bretaña foi pioneira aplicando programas de prevención e axuda en función do tipo de pobreza a tratar. Seguiron outros países de Unión Europea, e tamén España, a partir da consideración de "consumidor vulnerable" que aparece nas Directivas 2009/72/UE e 2009/73/UE. As axendas políticas dos diferentes países incorporaron este tema e comezaron a aplicar paquetes de medidas, non homoxéneos en contido, nin en efectividade nin en velocidade.

En definitiva, o impacto da pobreza enerxética é un claro indicador do desenvolvemento económico dun país. Reducila ou eliminala implica recoñecer que non serve "o café para todos", senón que hai que por en marcha actuacións ad hoc en función das características e debilidades identificadas, estruturais e coxunturais inherentes a cada sociedade. Cales? Continuará…

Comentarios