Produtores en ecolóxico piden que se cubran 100% das solicitudes de axuda

Proecogal critica as políticas da Consellaría do Medio Rural.
Explotacións en ecolóxico temen ficar sen axudas da PAC (Foto: Chris DoAl).
photo_camera Explotacións en ecolóxico temen ficar sen axudas da PAC (Foto: Chris DoAl).

“Os países que non producen non teñen futuro, e se as medidas da Consellaría [do Medio Rural] vetan a supervivencia e o crecemento das pequenas producións, mal imos", lamentaron esta quinta feira desde a plataforma que agrupa as produtoras e os produtores de ecolóxico na Galiza (Proecogal). 

Así, Proecogal manifestou o seu "malestar" após coñecer as propostas da Consellaría do Medio Rural para as axudas do novo período da Política Agrícola Común (PAC) 2023-2027, xa que moitas das explotacións serán, sinalaron, "vítimas da perda dos fondos europeos para a conversión e incorporación á produción ecolóxica en 2022".

No concreto, desde a plataforma censuran a proposta feita por Medio Rural nas “axudas agroambientais de ecolóxico na Galiza” a pasada semana porque entenden que se debería cubrir a totalidade das solicitudes.

O colectivo reclama incrementar de 25% os orzamentos destas axudas para poder facer fronte ao 100% das solicitudes, "como foi o compromiso da Consellaría e do seu titular para 2023".

Ademais, explican, “entendemos que as axudas do lobo [aquelas destinadas a paliar danos dos ataques] deben ser independentes  de outras ás que teñan tamén acceso as producións de ecolóxico”. Finalmente, sinalaron que "non entenden as liñas nin as políticas actuais da Consellaría".

Unha organización de recente creación

Proecogal trátase dunha organización de recente creación. Tanto é así que o 21 de xaneiro deste ano tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a primeira Asemblea Aberta da plataforma de produtores de ecolóxico da Galiza.

O colectivo naceu, segundo sinalaron os propios integrantes, "pola situación de desesperación que vive o sector, xerada pola denegación das axudas da anualidade 2022 por parte da Xunta da Galiza".

Comentarios