A oposición reprende Medio Rural polo "mal reparto" das axudas

O grupo socialista reclama dimisións no Goberno.
Granxa ecolóxica en Xanceda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Granxa ecolóxica en Xanceda (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O BNG e o PSdeG defenderon nesta terza feira no Parlamento da Galiza sendas mocións a respecto do pago das subvencións "prometidas" para a produción ecolóxica de 2022.

O deputado nacionalista Xosé Luís Rivas defendeu unha moción que instaba o Goberno galego a "pagar as subvencións prometidas para a produción ecolóxica" e dar resposta ao "gran número" de solicitudes presentadas para 2022 e que ficaron sen axuda.

Rivas cualificou de "esperpéntico" que, por unha banda, non se paguen as subvencións "prometidas" e, ao tempo, a Consellaría de Medio Rural anuncie unha nova convocatoria para o ano 2023 incrementando a súa contía. Para o deputado, este anuncio confirma a "metida de pata" de Medio Rural

Dimisións no Goberno

Pola súa parte, o deputado socialista Martín Seco García exixiu esta terza feira o cese do director xeral de Gandaría pola mala xestión dos fondos para os produtores ecolóxicos, reclamando ao mesmo tempo ao Goberno galego que "rectifique e evite o abandono desta actividade". 

"Após ver a actitude do Goberno galego consideramos que este erro foi unha decisión premeditada do PP" e unha mostra da "nefasta planificación do Goberno de Alfonso Rueda", afirmou Seco.

O socialista emprazou os deputados do PP a apoiar tanto a súa moción como a do BNG para mandar "unha mensaxe clara de apoio a quen leva anos desenvolvendo un labor esencial e facendo un esforzo por manter viva a Galiza rural" en zonas con demografía "preocupante". 

As mocións do BNG e do Partido Socialista foron rexeitadas polo PP, que acusou a oposición de falta de consenso co sector de produtores en ecolóxico.

Comentarios