A oposición exixe dimisións polo "caos" nas axudas ás granxas ecolóxicas

Centos de gandeiras ficaron sen subvencións e o conselleiro promete compensar.
Un gandeiro estende batume no pasto das vacas (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un gandeiro estende batume no pasto das vacas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O conselleiro de Medio Rural, José González, defendeu esta cuarta feira na Cámara que os produtores ecolóxicos que quedaron sen axudas en 2022 ao esgotarse a partida prevista pola Xunta da Galiza verán "compensada" esa perda no novo período 2023-2027, cunha partida global de ao redor de 45 millóns de euros.

Así o expuxo en resposta a senllas interpelacións da oposición no pleno do Parlamento, nas cales Xosé Luís Rivas, 'Mini' (BNG), exixiu a dimisión do conselleiro, mentres que o deputado socialista Martín Seco reclamou o cesamento do director xeral de Gandaría e do Fondo Galego de Garantía Agraria, José Balseiros, como "responsábel de todo este desaguisado".

Durante o debate, Rivas recriminou que a Xunta "xa sabía" que o diñeiro non ía chegar para todas as solicitudes, mais decidiu primar as explotacións de maior tamaño en prexuízo das pequenas". "Repare o dano feito e logo dimita", espetou.

"O dano está feito, a confianza en vostede non é recuperábel", sostivo. O deputado nacionalista acusou o conselleiro de ser "culpábel dun atentado á produción ecolóxica". E é que considera que "o asunto é de vontade política", xa que noutras ocasións ampliáronse as partidas para compensar a escaseza de fondos asignados.

Nesta liña, o socialista Martín Seco avisou o conselleiro de que non pode manter José Balseiros no seu cargo "nin un minuto máis", pois debe "asumir as súas responsabilidades".

Censurou Seco que a Xunta non opte por dedicar "un só euro de fondos propios" a corrixir a falta de axudas para os produtores ecolóxicos. "Dedícanse exclusivamente a repartir fondos europeos e fano mal".

Comentarios