Pontón pide á Xunta que se garanta o cobro de 100% das axudas aos produtores en ecolóxico

"É incomprensíbel que a Consellaría do Medio Rural, que cada ano deixa máis de 20% de fondos sen executar, non estea a mobilizar recursos para atender unhas persoas que teñen dereito a un trato xusto", manifestou a líder nacionalista.
Ana Pontón durante unha visita con representantes da Plataforma de productores e productoras en ecolóxico (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón durante unha visita con representantes da Plataforma de productores e productoras en ecolóxico (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que no próximo pleno do Parlamento galego exixirán á Xunta que garanta a cobranza de 100% das axudas solicitadas polos produtores en ecolóxico.

Denunciou que "en 2022, máis de 200 produtores, é dicir, a metade da solicitudes quedaron excluídas".

"Incomprensíbel"

"É incomprensíbel que a Consellaría do Medio Rural, que cada ano deixa máis de 20% de fondos sen executar, non estea a mobilizar recursos para atender unhas persoas que teñen dereito a un trato xusto", manifestou a líder nacionalista tras un encontro con representantes da Plataforma de produtores e produtoras en ecolóxico, que tivo lugar nunha explotación ecolóxica do municipio de Irixoa (comarca das Mariñas).

Pontón sinalou que Galiza ten "moita capacidade" para poder xerar alimentos de calidade, crear emprego no medio rural e coidar o territorio.

No país, segundo puntualizou, a produción en ecolóxico abarca "en torno a 5% da superficie agraria útil, menos da metade que hai no conxunto do Estado e moi lonxe da planificación que ten a Unión Europea (UE) que aposta por 25%".

Neste contexto, apelou a apoiar este sector "non só con axudas directas" tamén con maior apoio á comercialización, estabelecendo canles de distribución e pondo en valor a calidade do produto.

"O Goberno do Partido Popular non só debe apostar por este sector senón que ademais debería darlle consideración de estratéxico", apostilou.

Comentarios