A produción ecolóxica galega comeza 2023 loitando pola súa supervivencia

O sector agrogandeiro ecolóxico crea unha plataforma para apremar a Xunta. Demandan que rectifique e non deixe explotacións fóra das axudas da PAC 2022 e da nova PAC 2023-2027.
Explotación ecolóxica galega de gando vacún (Foto: Craega).
photo_camera Explotación ecolóxica galega de gando vacún. (Foto: Craega)

A falta de fondos económicos para cubrir o total de solicitudes para a liña de ecolóxico da Política Agraria Común (PAC) 2022 e da nova PAC 2023-2027 por parte da Consellaría de Medio Rural da Xunta da Galiza, denunciada en novembro polo sector e que rematou con concentracións diante do Parlamento galego un mes máis tarde, desembocou na creación dunha da Plataforma de produtoras e produtores ecolóxicos. 

En pouco tempo, reuniron máis de 200 explotacións, das aproximadamente 400 rexistradas no correspondente Consello Regulador, e sumaron o apoio de organizacións sindicais como a Federación Rural Galega (Fruga) ou o Sindicato Labrego Galego (SLG) ademais de entes e asociacións relacionadas coa produción ecolóxica. 

Falta de previsión

Unha das voces deste colectivo é Xabier Fernández, produtor de gandaría ecolóxica de Cospeito. Traballa o vacún e ovino de carne desde 2014 e quedará fóra das axudas por realizar pastoreo baixo arborado. En declaracións a Nós Diario, asegura que “desde o mes de maio a Xunta conta cos datos das explotacións que solicitamos as axudas” ademais de posuír a información “desde decembro de 2021”, facilitada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega). Por este motivo non entende “que agora digan que non chega o diñeiro e impoñan criterios de prioridade que consideramos inxustos”. 

O colectivo segue sen ter comunicación oficial da Consellaría de Medio Rural máis alá das declaracións realizadas en actos públicos. Por elas saben que a Xunta “conta cun orzamento de 3,18 millóns de euros e que faltan algo máis de 2 millóns de euros para cubrir a convocatoria do ano 2022” polo que critican a aplicación de criterios de prioridade “inxustos e irracionais que implicarán que máis do 50% dos solicitantes queden fóra das axudas, tanto novas inscricións como produtores que leven moitos anos certificando”. 

Situación "grave"

Manuel López Louxedo é outro dos produtores afectados. Conta cunha explotación de gando vacún na Fonsagrada e amosa a súa indignación con esta situación. “Din en Medio Rural que temos que facer unha reconversión e fechar, tal e como aconteceu co leite, polo que se partimos desa idea temos un problema”, sinala a Nós Diario

Lembra que en 2021 a Consellaría promoveu o paso das explotacións á produción ecolóxica “tal e como indicaba a Unión Europea” seguindo a proposta realizada en 2019 pola Comisión Europea e o seu Pacto Verde. Nesa iniciativa recollíase o compromiso de contar cun 25% da superficie agraria certificada en ecolóxico en 2030. A situación, para Louxedo, agrávase por tratarse de axudas que estaban sen convocar “desde 2016”. 

Desde a Plataforma demandan que a Xunta solucione “con fondos propios se é preciso” e de maneira urxente este problema que “non é de diñeiro e si de vontade política”. Louxedo asegura que teñen constancia de que Medio Rural mesmo ”devolverá fondos á UE por non empregalos” en cantidades "moi superiores ás que nos corresponderían polas axudas".

As persoas produtoras ollan cara ao Parlamento Europeo

A Plataforma cre que esta semana será “crucial” para o sector. Contan coa posíbel intervención do Parlamento Europeo após o anuncio do BNG de que levará até esta institución a problemática. Nunha xornada de traballo desta formación, a deputada nacionalista neste organismo, Ana Miranda, explicaba que o PP, á fronte da Xunta, "non quixo prever a grande afluencia de solicitudes" para sumarse á agrogandaría ecolóxica.

Foron arredor de 12.000 novas hectáreas para a incorporación en ecolóxico, "e o Goberno galego só reservou 3,18 millóns cando precisaba 5,6 millóns; iso chámase falta de planificación e actuar cun descoñecemento de quen vive do noso agro”. Desde Fruga, sinalan que está en xogo "o modelo de rural que ten previsto o Goberno galego para a Galiza diante do que propón a UE".

Comentarios