O SLG exixe a Medio Rural o incremento dos fondos para axudar as explotacións ecolóxicas

Alerta polo "risco" de fechamentos de granxas.
O SLG concentrouse esta cuarta feira ante a porta do Pazo do Hórreo (Foto: Arxina).
photo_camera O SLG concentrouse esta cuarta feira ante a porta do Pazo do Hórreo (Foto: Arxina).

O conselleiro de Medio Rural, José González, asegurou esta cuarta feira que a Xunta promoverá a modificación do plan estratéxico da Política Agrícola Común (PAC) para dedicar nos próximos anos máis fondos a apoiar a produción ecolóxica, mais os grupos da oposición -BNG e PSdeG- urxírono a "rectificar" e aumentar as axudas para este sector ante o gran número de persoas dedicadas a este ámbito que se quedaron fóra, o que pon en "risco" a súa continuidade.

De feito, varias decenas de persoas déronse cita ante o Pazo do Hórreo coincidindo co debate para exixir o aumento de crédito para a agricultura ecolóxica. A responsábel do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, advertiu de que "por primeira vez vai haber moitas granxas ecolóxicas" que deixarán de percibir axudas, porque a Xunta "decidiu non poñer o orzamento necesario", ao faltar un total de 2 millóns de euros para "cubrir a solicitude de hectáreas para este ano".

Ademais, apuntou que, de aprobarse as 12.000 hectáreas solicitadas, a Galiza situaríase con 7% da superficie, cando hai autonomías como Catalunya ou Andalucía que se atopan ao redor de 20%.

As queixas mostradas polo sector agrogandeiro en ecolóxico foron levadas ao hemiciclo  polo deputado do BNG, Xosé Luís 'Mini' Rivas, e polo do PSdeG, Martín Seco, que reclamaron unha rectificación.

Rivas cualificou de "despropósito" que non se aumente a partida en 2 millóns de euros para alcanzar todas as explotacións agrogandeiras ecolóxicas e lamentou que "non teñan intención de dar solución".

Pola súa parte, Seco recriminou que se "dedicasen a promover" a agricultura ecolóxica e que agora as axudas non cheguen a todas as que as solicitan, polo que lle pediu "rectificar".

A Xunta ampárase nun "crecemento sorprendente"

Nunha resposta unificada a ambos os políticos, o conselleiro de Medio Rural asegurou que se están estudando as posibilidades, porque se produciu un crecemento "exponencial" no sector ecolóxico e mesmo "sorprendente" nos últimos anos.

González sinalou que esta superficie creceu no último ano por encima de 40%, unha variación que se "afasta" de calquera proxección -xustificou- que se puidese facer respecto diso. Un crecemento "exponencial" que, afirmou, non se podía prever.

Comentarios