A agricultura ecolóxica móvese na rede

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega) crea un directorio na súa web para facilitar a compra directa as produtoras.
Produtos ecolóxicos certificados (Craega)
photo_camera Produtos ecolóxicos certificados (Craega)

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega) súmase ás entidades que tratan de favorecer a comercialización dos produtos alimenticios das pequenas produtoras, que sofren as consecuencias do feche dos mercados de proximidade. Faino cunha guía de venda en liña que se pode consultar na súa páxina web e que ofrece ás consumidoras os datos de contacto de máis dunha vintena de operadores que levan a compra a casa. 

A través dun comunicado, o consello regulador recoñece as dificultades que están a ter as produtoras ecolóxicas para dar saída ás súas colleitas. "Á vista deste escenario tan complexo, no Craega pareceunos conveniente activar unha plataforma na web para poñer en contacto os nosos operadores co consumidor final",​ explica o seu presidente, Francisco López Valladares.   

Respecto á prohibición por parte da Xunta da celebración dos mercados tradicionais, o directivo do Craega sinala que "son moitos os operadores certificados que recorren a estas canles curtas para comercializar os seus produtos. De aí que, xa desde ese primeiro momento, optásemos por poñer en marcha unha guía online que lles servira de soporte a todas para seguir adiante coa súa actividade".

Como explica, pese a que nun primeiro momento a guía estaba dirixida só a produtoras, foron sumándose empresas transformadoras e comercializadoras que tamén prestan servizo a domicilio. Deste modo, ademais de hortalizas, froitas, carne, ovos, algas ou infusións, na plataforma tamén é posíbel mercar conservas ou viño. 

"Para nós, o importante é que as consumidoras teñan ao seu alcance a mellor alimentación posíbel, tanto as que están a traballar para facer fronte a esta pandemia, como as que permanecen confinadas para evitar máis contaxios. Agora, máis que nunca, é primordial garantir o acceso aos produtos de proximidade, ecolóxicos e saudábeis", ​insiste o presidente do Craega.

Comentarios