85% das novas explotacións ecolóxicas quedan sen as axudas da Consellaría de Medio Rural

O sector gandeiro denuncia que, segundo a actual consignación da Xunta para axudas ás explotacións agrogandeiras ecolóxicas e de non haber unha rectificación, ficarán sen financiamento até 85% das que mudaron o seu modelo entre 2020 e 2021 e até 40% das que o manteñen desde antes dese momento. Unha situación que o sector denunciará a través dunha carta ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.
O pacto verde europeo exixe que 25% da terra agraria sexa explotada en ecolóxico en 2030 (Foto: Europa Press).
photo_camera O pacto verde europeo exixe que 25% da terra agraria sexa explotada en ecolóxico en 2030 (Foto: Europa Press).

"O pacto verde europeo exixe que en 2030 a porcentaxe de terra agraria con produción ecolóxica chegue a 25%, por este motivo, durante os anos pasados, a Consellaría de Medio Rural fomentou que se pasase a este tipo de produción explicando as grandes vantaxes económicas con motivo das liñas de apoio que se ían desenvolver, o que provocou unha resposta moi positiva do sector", explica a Nós Diario Manuel López, gandeiro da Fonsagrada.

"Os propios cálculos da Consellaría indican que houbo un aumento de 12.000 hectáreas certificadas en ecolóxico entre 2020 e 2021", explica López. Porén, sinala, "85% das solicitudes novas, que se fixeron en 2022, despois de realizar investimentos para adaptarse, quedarán fóra das subvencións por falta de fondos", nunha situación que o gandeiro cualifica como de "auténtica catástrofe".

"É máis grave aínda a xestión que fixeron, porque noutros departamento da propia Consellaría houbo unha gran cantidade de fondos que non se empregaron, que se devolverán por non tramitar en prazo o cambio de partida deses fondos, tiñan cartos dispoñíbeis para facer fronte ás axudas", afirma o produtor en ecolóxico da Fonsagrada.

Ademais de 85% das novas explotacións en ecolóxico que quedarían sen cobrar, "da xente que xa viña de atrás, é dicir, que solicitaba axuda para manterse en ecolóxico, quedará fóra ao redor de 40%". "Son liñas diferentes mais fóronselle ambas das mans", explica López.

"Cando a Unión Europea (UE) aposta polo ecolóxico, a Consellaría foméntao e agora deixa os produtores tirados", di López. Na práctica "isto ten moitas implicacións", sinala, pois "a inmensa maioría das explotacións de vacún de leite van volver a un modelo de explotación convencional, sobre todo nun momento no que os prezos do leite son relativamente altos", afirma.

Máis complicada será a situación para o sector da carne, argumenta o gandeiro. "Estamos vendendo, sobre todo no caso da carne, por debaixo dos custos de produción, é dicir, que sen axudas non é viábel", láiase o produtor da Fonsagrada. 
"Despois de facer investimentos importantes durante un ano para adaptarse ao modelo de produción contando coas axudas, no sector da carne moitas explotacións apostarán sen dubida por fechar", denuncia.

Carta ao presidente

Centos de produtoras e produtores traballan nunha carta ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, para denunciar esta situación e demandar solucións. Esta carta e a protesta do sector foron asumidas como propias, esta segunda feira, polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega).

O Craega requirirá directamente ao presidente galego pór solución ás axudas de 2022, "mais tamén traballar de cara ao período 2023-2027, pois segundo os datos actuais, se non se realizan os cambios necesarios na convocatoria de axudas, non se podería afrontar máis de 30% da consignación necesaria", explica o gandeiro en ecolóxico.

Reaccións sindicais

O coordinador de Sectores Gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, sinala a Nós Diario que a perda destas axudas "exemplifica o interese que a Consellaría de Medio Rural ten por un aspecto tan importante para o medio rural galego como é a gandaría ecolóxica, cando estamos nun país que ten unhas características físicas e xeográficas que se prestan moi ben para desenvolver esta actividade". "Se estas axudas foran para a forestación de terras agrarias, probabelmente, a Xunta da Galiza teríase esmerado máis en tramitalas", engade Somoza. Algo no que coincide o coordinador xeral da Fruga, Manuel Dacal, que explica que "algunhas destas explotacións van ter que fechar e abandonar a súa actividade, polo que a situación é bastante grave".

Pola súa parte, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), critica a non consecución de fondos para estas axudas, pois "debería ser unha liña prioritaria en consonancia co pacto verde europeo". "A resposta da xente estaba sendo moi positiva para mellorar a calidade e adaptarse á demanda social de aumento da sostibilidade das explotacións", explica Vilalba. Porén, sinala, "é unha situación insólita que non vaian chegar estas axudas, e quen está errando neste caso é a Administración pública", conclúe a secretaria xeral do SLG.

Posíbel ampliación de fondos de cara ao futuro

Fontes da Consellaría de Medio Rural, en declaracións a este xornal, remarcan que "no que atinxe ás axudas de agricultura ecolóxica, houbo un auxe sen precedente nesta liña". Así, indican, "na campaña do ano 2021 pagáronse dous millóns de euros, polo que na orde de axudas da Política Agrícola Común (PAC) 2022 incrementouse a dotación orzamentaria para esta liña até os 3,18 millóns de euros, é dicir, 59% máis de fondos, co fin de poder atender as solicitudes mellor valoradas polos criterios estabelecidos". 

Aínda así, admiten desde a Consellaría, "ante o importante incremento de axudas solicitadas", hai dificultades para responder a todas as explotacións. Polo que, sinalan, "valorarán a modificación do Plan Estratéxico da PAC, co obxectivo de poder adicar no futuro máis fondos".

Comentarios