A produción de ameixa autóctona na ría de Arousa caeu 60% na última década

Os colectivos en defensa da ría de Arousa exixen un estudo científico rigoroso que aclare cales son as causas da deterioración progresiva da ría.
Utensilios de extración da ameixa (Foto: Europa Press).
photo_camera Utensilios de extración da ameixa (Foto: Europa Press).

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) denunciou que a produción de ameixa autóctona en augas arousás caeu máis de 60% nos últimos 10 anos, datos obtidos tras realizar un estudo comparativo da produción de bivalvos na ría desde 2013.

"Estamos nunha situación crítica", concluíu o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, nunha rolda de prensa na cal estivo acompañado por representantes de 16 asociacións e confrarías de pescadores de Cambados, A Illa, Vilanova, Cabo de Cruz, A Pobra e Rianxo.

"Temos que lamentar que o que xa viñamos denunciando desde hai tempo acentúase cada vez máis", indicou Rubido, que sinalou que a ameixa autóctona é a que peor se atopa. "Estamos en caída libre", apostilou.

No caso da ameixa fina, o descenso de produción é de 60% con relación á media dos últimos 21 anos, mentres que a babosa baixou 68% e a loura, 67,8%. Respecto ao berberecho, a produción actual está 23% por baixo da media das últimas dúas décadas.

Perdas

Esta situación repercute tamén gravemente nos ingresos familiares das persoas que viven do marisqueo na ría de Arousa. A PDRA estima que as perdas foron duns 10 millóns de euros no ano 2022, dos que 4,5 corresponden a perdas na produción de ameixa babosa, 3,4 millóns na fina e 1,1 na vermella.

Ante esta situación, a PDRA demanda un plan de rexeneración da ría "serio, rigoroso e dotado economicamente" para garantir a próxima campaña marisqueira.

Os colectivos en defensa da ría de Arousa tamén exixen un estudo científico rigoroso que aclare cales son as causas da deterioración progresiva da ría.

Mobilizacións

En opinión de Rubido, "a Administración non só non fai nada senón que tenta tapar a realidade con importación de marisco foráneo" que despois é comercializado como se fose de aquí.

Segundo a PDRA, a Xunta "non pode mirar para outro lado porque quen ten todas as competencias na materia é a propia Xunta da Galiza".

Unha vez coñecidos os resultados do estudo, a Plataforma volverá tentar sentar na mesa cos responsábeis da política pesqueira na Galiza para trasladarlles a súa valoración e as súas demandas, aínda que recoñece que as expectativas son "escasas".

"A PDRA sempre tentou dialogar coa Consellaría do Mar pero nunca o conseguiu porque a Xunta sempre se negou a recibirnos e a falar connosco", indicou.

O presidente da PDRA adiantou que en función de como responda a Administración adoptarán medidas e non descartan volver convocar unha nova manifestación en Santiago como a que "encheu" a praza do Obradoiro.

"A Xunta non pode seguir botando balóns fóra porque esa é "unha actitude suicida que o único que vai provocar é a extinción do marisqueo na ría de Arousa", advertiron.

Comentarios