A Xunta fecha a actividade marisqueira na ría de Muros e Noia por niveis altos de toxina paralizante

A intoxicación pode rematar na morte por parada cardiorrespiratoria, sendo máis sensíbeis as crianzas e as persoas maiores.

A Galiza é o principal produtor de marisco bivalvo na Unión Europea desde hai décadas. (Foto: Europa Press)
photo_camera A Galiza é o principal produtor de marisco bivalvo na Unión Europea desde hai décadas. (Foto: Europa Press)

O Intecmar (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño da Galiza), organismo dependente da Consellaría do Mar, ordenou o feche da actividade marisqueira na ría de Muros e Noia por niveis elevados da toxina paralizante dos moluscos (PSP, polas súas siglas en inglés Paralytic Shellfish Poisoning).

O paro no marisqueo afecta 140 embarcacións e un cento de mariscadoras, 30 de Muros e 70 de Noia, de onde tamén procedían as mostras de berberecho nas que se detectou a biotoxina.

Aínda que este feche cautelar é para todas as especies, a confraría de Muros enviou esta cuarta feira novas mostras de berberecho e navalla, agardando que polo menos este último bivalvo non estea afectado.

Para que o feche cautelar sexa levantado, os laboratorios teñen que emitir dous resultados negativos en biotoxinas.

Toxina paralizante dos moluscos

A PSP é un grupo de biotoxinas mariñas representadas principalmente pola saxitoxina e os seus derivados, as goniatoxinas ou goniautoxinas. Estas biotoxinas afectan o sistema nervioso provocando parálise muscular.

O período de incubación da intoxicación por PSP é duns 30 minutos despois da inxestión dos moluscos e o cadro clínico comeza con proído ou queimazón nos beizos, na lingua e na cara. Logo aparece entumecemento muscular en colo, brazos e pernas, con dificultade nos movementos e dificultade para falar. A intoxicación pode rematar na morte por parada cardiorrespiratoria, sendo máis sensíbeis as crianzas e as persoas maiores.

Xunto a PSP, na Galiza tamén son frecuentes a ASP (toxina amnésica) e a DSP (toxina diarreica).

Comentarios