Os procedementos concursais duplícanse na Galiza no primeiro trimestre

O incremento no país é superior ao 58% de alza que se computa na media do Estado español.
Un local fechado en Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Un local fechado en Santiago. (Foto: Arxina)

Galiza rexistrou un total de 99 procedementos concursais durante o primeiro trimestre deste ano, máis do dobre (+125%) que no mesmo período de 2023, segundo datos presentados esta segunda feira por Informa D&B. O incremento no país é superior ao 58% de alza que se computa na media do Estado español, que rexistrou 2.282 procedementos concursais no primeiro trimestre do ano.

Mentres, Galiza leva 580 disolucións no que vai de 2024, un 4,3% máis que no primeiro trimestre de 2023. Contrasta coa caída de 5% que se anota de media estatal, onde houbo un total de 10.052. Catalunya é a autonomía con máis concursos no primeiro trimestre do ano, 546, co maior incremento en valor absoluto, 187. Tras ela Madrid, con 280, un 20% máis que no mesmo período de 2023. Os datos descenden unicamente en Aragón e Balears, un 19% en ambos os casos, e Melilla, que non contabiliza ningún proceso nestes meses.

Pola súa parte, Madrid é a comunidade con máis procedementos especiais para microempresas desde xaneiro, 169, o 48% do total, e lidera ademais os plans de reestruturación, con 17, un descenso de 32% a respecto dos tres primeiros meses de 2023. En total, Catalunya acumula durante o trimestre 586 procedementos concursais, un 50% máis; Madrid, 466, un avance de 79%, e o País Valencià, 297, subindo 33%.

Atendendo ás disolucións, Madrid concentra o 24% do total, 2.453. Tras ela Andalucía, con 1.561, e País Valencià, con 1.138. Aínda que lidera os datos, Madrid ten o descenso máis elevado en valor absoluto, reducindo 564 respecto ao pasado ano, seguida por Nafarroa, que recorta 223, un 64% menos. Estes meses as disolucións baixan ademais en: Aragón, un 3%; Asturias, un 10%; Ceuta, un 37,5%; Melilla, un 27%, País Valencià, un 11%; Balears, un 5%, e A Rioxa, un 17%.

Datos estatais

De acordo co informe publicado esta segunda feira, a maior parte dos procedementos contabilizados no conxunto do Estado desde xaneiro corresponden a concursos, 1.850, cunha suba de 40%. Pola súa parte, os procedementos especiais para microempresas son os que máis medran porcentualmente, pasando de 9 a 352, mentres que os 80 plans de reestruturación rexistrados até o momento supoñen un recorte de 33%.

"Ao finalizar o primeiro trimestre apréciase un notábel incremento dos procesos concursais respecto ao ano pasado, de 58%, sendo os concursos os que máis soben en número, con 532 máis, e os procedementos especiais en porcentaxe, avanzan un 3.800", sinalou a directora de Estudos de Informa D&B, Nathalie Gianese.

Segundo detalla o estudo, os concursos desde xaneiro baixan unicamente no sector da educación, un 7%, e en administración mantense, como o ano pasado, sen ningún. Comercio, con 468, e construción e actividades inmobiliarias, con 366, son os que máis acumulan.

Os plans de reestruturación rexistrados neste primeiro trimestre tamén están liderados polo comercio, con 19, seguido moi de perto polos 18 de construción e actividades inmobiliarias, e comercio encabeza tamén os procedementos especiais con 96, mentres que o ano pasado só rexistrara 2 nestes tres primeiros meses. Comercio é, así, o sector máis afectado polos procedementos concursais cun total de 583, unha suba de 75%, seguido polos 437 de Construción e actividades inmobiliarias, que avanza un 59,5%.

Pola súa parte, as cifras máis elevadas de disolucións do trimestre contabilízanse en construción e actividades inmobiliarias, 2.570, un ascenso de 1%; comercio, 2.114, que crece un 1%, e Servizos empresariais, 1.556, un 1,5% menos neste caso.

Comentarios