O prezo da luz subirá esta segunda feira 14,57%, até 116,94 euros/MWh, o nivel máis alto en tres semanas

O prezo mínimo darase entre as 14 e as 15 horas, con 90 euros/MWh

Torreta eléctrica (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
photo_camera O prezo da luz sobe esta segunda feira arredor de 15%. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O prezo medio da luz para a clientela de tarifa regulada vinculados ao mercado ao por maior subirá esta segunda feira, 11 de setembro, 14,57% con respecto a este domingo, até os 116,94 euros/MWh, o nivel máis alto desde o pasado 24 de agosto.

Por franxas horarias, o prezo máximo, de 148,80 euros/MWh, rexistrarase entre as 21 e as 22 horas, mentres que o prezo mínimo darase entre as 14 e as 15 horas, con 90 euros/MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Nestes once primeiros días do mes, a media do mercado eléctrico sitúase nos 99,98 euros/MWh, fronte aos 157,19 euros/MWh que rexistrou no mesmo período de setembro de 2022 o prezo do 'pool'.

A este prezo medio do 'pool' sumaríase a compensación ás gasistas, que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estar no mercado libre, teñen unha tarifa indexada, pero que se sitúa novamente en 0 euros/MWh, situación que se repite desde o pasado 27 de febreiro.

Excepción ibérica

A denominada 'excepción ibérica' estendeuse até o próximo 31 de decembro, tras o acordo alcanzado por España e Portugal coa Comisión Europea. Así, prolongábase sete meses, até final deste ano, e non se excluía que puidese prorrogarse máis tempo se dito marco tamén se aumentaba. En concreto, o acordo non só representaba unha extensión da excepción ibérica que xa se aplicaba, senón que implicaba algúns axustes para acomodalo, como a referencia de prezos, que até entón se incrementaba en cinco euros ao mes, e pasaba a ser máis suave.

No acordo orixinal, este prezo de referencia para o gas tiña un valor medio de 48,8 euros/MWh: era de 40 euros/MWh durante seis meses, elevándose 5 euros/MWh cada mes a partir de entón. Increméntase en 1,1 euros/MWh desde o pasado abril, para concluír en 65 euros/MWh.

Actualmente, o mecanismo leva sen ter efecto sobre os procesos de casación marxinal nos mercados ao por maior desde finais de febreiro debido ao descenso do prezo do gas natural por baixo dos limiares fixados para a súa aplicación, pero, “en caso necesario, a prórroga permitirá manter un prezo razoábel, non tan dependente da evolución do gas natural”.

Comentarios