O prezo da luz baixa este domingo perto dun 54%, até situarse nos 101,97 euros/MWh

O custo previsto é o máis baixo desde o pasado 1 de novembro e vén a romper a tendencia de 17 días consecutivos superando os 200 euros/MWh. Porén, na segunda feira volvera a superarse esta barreira.

Unha persoa muda unha lámpada. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera Unha persoa muda unha lámpada. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista (pool) cae este domingo un 53,84% en relación ao sábado, o que implica unha baixada a 101,97 euros/MWh.

Os datos do Operador do Mercado Ibérico da Electricidade das últimas semanas amosan como o deste 5 de decembro é o custo máis baixo rexistrado desde o 1 de novembro, cando estivo a 91,2 euros/MWh.

Ademais, segundo a comparativa estabelecida por Europa Press, esta rebaixa puntual pon fin a un período de 17 días consecutivos no que o custo era superior aos 200 euros.

De cara ás e aos consumidores, o prezo máximo da luz para este domingo darase entre as 22.00 e as 23.00 horas, con 251,65 euros/MWh, mentres que o prezo mínimo, rexistrado entre as 06.00 e as 07.00 horas, foi de 2,67 euros/MWh.

No entanto, esta situación é só puntual pois xa se sabe que esta segunda feira volverá a rexistrarse un ascenso para volver á liña dos 17 días anteriores.

Os prezos do pool repercuten directamente na tarifa regulada, á que están acollidos case 11 millóns de consumidores no Estado español, e serve de referencia para os outros 17 millóns que teñen contratado a súa subministración no mercado libre.

O encarecemento nos últimos meses no mercado eléctrico explícase, principalmente, polos altos prezos do gas nos mercados e dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2), en máximos históricos neste ano.

A segunda factura máis elevada da historia

O recibo eléctrico dun usuario medio coa tarifa regulada -o denominado PVPC- situouse en novembro en 115,18 euros, un 68,1% por encima dos 68,50 euros do mesmo mes do ano pasado, sendo así a segunda factura máis cara da historia tras a do pasado outubro, segundo destaca Facua-Consumidores en Acción.

Desta maneira, a asociación considera que a factura eléctrica de decembro tería que ser negativa para que se cumprise a promesa do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que este ano os consumidores pagarán o mesmo que en 2018 unha vez descontado o IPC.

Comentarios