xoves 24/09/20

O porto de Burela factura 1,4 millóns de euros en bonito malia a Covid-19

A instalación pesqueira ten un ritmo de vendas semellante ao ano pasado e as empresas aseguran que hai "normalidade" malia a repercusión pola falta da hostalaría.
O porto de Burela factura 1,4 millóns de euros en bonito malia a Covid-19

O porto de Burela mantén un ritmo semellante de vendas que o ano pasado a pesar dos focos da Covid-19 que afectan a comarca da Mariña. Non semellou afectarlle ter na actualidade tres embarcacións con base nesa localidade amarradas en Santoña (Cantabria), con dez tripulantes positivos e outro buque en corentena nas súas instalacións por manter contacto cos anteriores.

Armadoras e armadores de Burela sinalan que se venderon 335.000 quilos de bonito, cunha facturación que chegou até 1,4 millóns de euros. O xerente da empresa que xestiona a lonxa Armadores de Burela, S.A. (ABSA), Miguel Neira, solidarizouse coas tripulacións, que neste caso non están adscritas á empresa. Recoñece que o foco da Covid-19 supón "unha dificultade engadida" mais incide en que o sector confía en que "isto se resolva o máis rápido posíbel".

Repercusión pola falta de hostalaría 

Aínda que as cifras de venda e facturación son parecidas ás que tiveron o ano pasado, recoñece que a campaña actual está a verse afectada polo parón da hostalaría. En concreto pola especial repercusión en aspectos "como na cotización" a nivel xeral tanto no bonito como noutras especies coas que traballan.

O xerente de ABSA insiste en que o porto e a lonxa "traballan con normalidade e conscientes do escenario que hai". Afirma que "estamos a extremar precaucións, con número de persoal reducido e máscara desde principios de abril", e  engade que foron capaces de "manter a actividade desde o día 15 marzo" e que foron "moitas as toneladas de peixe que saíron nestes meses das lonxas da Mariña e Burela para abastecer nuns momentos moi complicados".

comentarios