A patronal eólica deféndese: "Poñemos especial coidado na creación dos parques"

"A actuación eólica é a única onde todo volve ao seu estado primitivo", din.
Parque eólico da compañía enerxética presidida por Francisco Reynés (Foto: Naturgy).
photo_camera Parque eólico da compañía enerxética presidida por Francisco Reynés (Foto: Naturgy).

A Asociación Eólica de Galicia defendeu, con motivo do Día das Montañas que se celebra hoxe, o "especial coidado" que pon nas súas actuacións. A patronal sostén que a creación dos parques eólicos é "ordenada", e que a integración dos muíños de vento é "cada vez maior".

Así o declararon nun comunicado de prensa, no que sinalaron que a localización destas infraestruturas "adoita estar en amplos espazos de monte pelado e de difícil acceso".

Por iso, incidiron na obrigación de "limpar e conservar adecuadamente a zona", pois a declaración de impacto ambiental "esixe a protección de aves, quirópteros e outras especies". Ademais, engadiron, que a actuación eólica é "a única onde todo volve ao seu estado primitivo", un feito para o que puxeron como exemplo a Estaca de Bares.

Por outra parte, tamén fixeron referencia a un estudo recente que, segundo din, "demostra a boa convivencia dos parques eólicos cos mamíferos". "A mostra abarcou unha vintena de recintos e foron 12 meses de investigación tras os que concluíron que a comunidade de mamíferos presente nos parques non difire da existente na contorna", concluíron.

Comentarios