A Plataforma do sector lácteo acusa a nova conselleira de seguir a “vella política” de dividir os gandeiros

Lamentan que Ángeles Vázquez, titular de Medio Rural, aínda non se reunise coas organizacións malia que a situación do sector continue a ser preocupante.

Mobilización de gandeiros
photo_camera Mobilización de gandeiros

A política da nova conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, camiña polos mesmos vieiros trillados e errados que a dos seus antecesores. Así o considera a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego ( FRUGA, OPL, ORUGA, SLG e UU.AA), que afirman que a titular do departamento autonómico “segue a pecar dos mesmos problemas que a da anterior, teimar en dividir o sector produtor”.

A finais de setembro a Plataforma enviou un escrito ao presidente da Xunta solicitando, con carácter de urxencia, unha reunión para constituír unha comisión de seguimento do acordo de prezos do leite acadado en Madrid. A resposta a esta solicitude chegou o 15 de outubro por medio dun escrito da actual conselleira no que se comunica á Plataforma que “como conselleira do Medio Rural, estou pondo en marcha as actuacións oportunas” É dicir, resumen os sindicatos, nada concreto “e de momento nada de recibir á Plataforma”.

Os problemas do sector lácteo galego “son moitos e a maioría están aínda pendentes de solución” polo que se require unha actuación urxente por parte da Consellería do Medio Rural, consideran desde a Plataforma. “O tempo pasa e o sector no ve solucións ás súas demandas. Os prezos do leite seguen a ser os mais baixos do Estado e non cobren os custes de produción, as relacións interprofesionais son unha asignatura pendente, e os compromisos adquiridos no Acordo aínda non se concretaron: decreto de garantías e modelo de contrato tipo”.  

Comentarios