Os pequenos accionistas estudan recorrer a sentenza de Pescanova

Resolución xudicial pola quebra da compañía.
Vista xudicial contra a antiga dirección de Pescanova. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vista xudicial contra a antiga dirección de Pescanova. (Foto: Europa Press)

Un grupo de 200 pequenos accionistas de Pescanova continuará coas súas accións xudiciais para recuperar sete millóns de euros que perderon tras a quebra da compañía. Os investidores lamentan que o Tribunal Supremo rebaixara a pena ao principal encausado, o antigo presidente da corporación, Manuel Fernández de Sousa, e que exculpara a auditora BDO. Nesta liña, estudan levar as súas demandas ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

O avogado deste grupo de accionistas, Joaquín Yvancos, indicou que a exoneración da auditora supón na práctica que se esfumen as posibilidades dos pequenos investidores de recuperar o seu diñeiro. Neste sentido, aseverou que a única alternativa que se abre é acudir á vía civil contra a auditora, un trámite que terá custos, xa que é necesario, entre outras cousas, contratar peritos para elaborar informes económicos.

O alto tribunal condenou a seis anos de cárcere Manuel Fernández de Sousa pero absolveu o auditor externo de Pescanova, así como a compañía auditora BDO e, en termos de responsabilidade civil, a aseguradora desta, ao estimar que o primeiro tivo unha conduta descoidada ou desatenta, pero non o comportamento doloso que resulta esixíbel respecto dos delitos polos que foi condenado.

Comentarios