Os promotores do parque eólico mariño Nordés estiman que entrará en funcionamento en 2030

Desde as empresas impulsoras, BlueFloat e Sener, confían en que os proxectos de renovábeis no mar conten "co maior consenso posíbel" e buscando "a máxima cohesión co territorio e coas persoas que van convivir con esta estrutura durante 25 ou 30 anos".
Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia (Foto: Europa Press).
photo_camera Instalación de eólica mariña de Iberdrola en augas escocesas. (Foto: Europa Press)

Os promotores do parque eólico Nordés, proxectado fronte ás costas do cabo Ortegal e que "podería empezar a materializarse a principios do ano que vén", destacaron esta terza feira "a transcendencia e a necesidade" de incluír criterios socioeconómicos no futuro do marco legal da eólica mariña, que se prevé que aprobe o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ao longo deste 2023. De cumprir os prazos previstos, podería entrar en funcionamento contra o ano 2030, contando con tres anos para obter todos os permisos e outros tres para construílo.

Así o manifestaron nun encontro organizado polo consorcio formado por BlueFloat Energy e Sener Renewable Investmens —impulsores do proxecto Nordés—, representados polo director xeral de BlueFloat no Estado español, Javier Monfort, e as responsábeis do desenvolvemento de negocios de BlueFloat, Helena Brage e Ainhoa Villar, no que analizaron a situación da eólica mariña flotante a nivel estatal e, máis concretamente, na Galiza.

Monfort defendeu que se trata dunha "oportunidade única" para que os proxectos sexan adxudicados non só con base no prezo, senón que se teñan en conta aspectos socioeconómicos e ambientais como "a concertación, a madurez técnica e ambiental, a apertura ao territorio en forma de oportunidade de investimento e aspectos de investigación e desenvolvemento".

"A nosa percepción é que proxectos desta envergadura, para que sexan un éxito, teñen que contar coa máxima cohesión co territorio, coas persoas que van convivir con esta estrutura durante 25 ou 30 anos", puntualizou.

Na mesma liña, Brage destacou a necesidade de que neste tipo de proxectos "tractores" exista "transparencia, coexistencia e diálogo co territorio". Explicou que o proxecto que pretenden desenvolver no país, unha vez que se resolva o concurso e no caso de resultaren adxudicatarios, incluirá un "retorno local" porque é unha "moi boa oportunidade" para a Galiza e o Estado español.

Villar, pola súa parte, incidiu na "estratexia" de BlueFloat de asociarse con "desenvolvedores locais" para asegurar que os proxectos contribúan a que os territorios acollan esas iniciativas "co maior consenso posíbel".

Está previsto que durante o primeiro trimestre de 2023 o Ministerio aprobe de forma definitiva os Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), que determinarán as zonas nas que se poden desenvolver parques eólicos mariños nas augas que cercan o Estado español. Na Galiza hai xa nove parques eólicos en fase de tramitación perante o Goberno español.

Comentarios