A CIG valora os datos do desemprego como "negativos" e fai fincapé na temporalidade

“Non hai emprego nin seguro, nin con condicións dignas”, manifestan desde a CIG.
Un mozo saíndo dunha oficina de emprego da Xunta da Galiza en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un mozo saíndo dunha oficina de emprego da Xunta da Galiza en Compostela (Foto: Nós Diario).

O paro rexistrou este mes de outubro 2.705 persoas máis que o mes anterior, contabilizándose un total de 133.348 desempregados na Galiza. Ao mesmo tempo baixou a afiliación media á Seguridade Social con 3.259 persoas afiliadas menos que o mes anterior, descendeu en 0,3%, quedando a media de afiliación en 1.067.851 persoas. A nivel estatal experimentouse tamén un incremento do paro, mais neste caso aumentou a afiliación en 0,4%.

Segundo o secretario de Emprego da Confederación Intersindical Galega(CIG), Francisco González Sío, a evolución do paro e da afiliación a Seguridade Social está relacionada co agravamento de problemas xeográficos como a emigración. Ademais afirma que os datos de persoas desempregadas na Galiza confirman que o 60% das persoas desempregadas son maiores de 45 anos. Isto débese a que as actividades que producen máis emprego no país “son aquelas que demandan moito traballo físico, como hostalería e restauración, do sector Servizos” e quen adoita ocupar eses postos de traballo é xente nova.

Destaca tamén a situación cos contratos indefinidos, dos preto de 5.000 deste mes, 2.600 son fixos discontinuos. Indica que os que tiñan contrato temporal de obra e servizo agora teñen contrato indefinido. “Cambiouse a nomenclatura mais temporalidade e a precariedade persisten”, afirma o representante da CIG.

A organización remarca que o 84% do paro creado en outubro corresponde ao sector servizos. Por esta razón relacionan o mercado laboral galego co modelo económico. “Baséase en sectores moi precarios. Cando hai unha baixada da demanda desfanse das persoas que traballan nese sector e cando hai aumento demandan traballadoras e traballadores e descende o paro”.

Ante esta escena, desde a CIG advirten da dependencia da situación económica e do perigo que supón en caso de que haxa unha nova crise, xa que “non hai emprego nin seguro, nin con condicións dignas”, afirman.

Comentarios