Xustiza

O Supremo analizará, tras un recurso da CIG, as incompatibilidades dos contratos fixos descontinuos en períodos de inactividade

A central sindical acusa á Xunta de realizar unha interpretación "retorta" das incompatibilidade para "asoballar" e "abusar" do seu persoal.
Fachada do Tibunal Supremo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Fachada do Tibunal Supremo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O Tribunal Supremo vén de admitir a trámite o recurso da CIG para dirimir se o réxime de incompatibilidades é aplicado en períodos de inactividade dos contratos fixos descontinuos. Continúa así a "liorta xudicial" polo dereito a traballar no sector público nos períodos de inactividade do persoal atinxido por este tipo de contratos, salientan desde a central sindical.

En 2020, a instancia do sindicato nacionalista, un traballador fixo descontinuo de seis meses do servizos antincendios da Xunta gañou unha sentenza na que se lle outorgaba o dereito a traballar no municipio durante o período de suspensión do seu contrato. O Goberno galego recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que deu a razón á administración e denegou poder traballar en períodos de suspensión do contrato.

Agora, con notificación do 17 de outubro, o Supremo traslada que analizará o recurso de casación interposto pola CIG, o que o sindicato valora como unha "boa noticia", á vez que espera que "se faga xustiza".

De feito, a CIG acusa á Xunta de realizar unha interpretación "retorta" das incompatibilidade para "asoballar" e "abusar" do seu persoal, o que "atenta co dereito ao traballo" e "aboca a unha vida de miseria" os empregados que deben "subsistir por baixo do Iprem" —o indicador da pobreza para 2023 está nos 600 euros brutos mensuais—.

Ao abeiro desa "boa nova", o mesmo día 17 de outubro, na mesa xeral de Orzamentos, a CIG exixiulle de novo á Administración galega que permita compatibilizar e traballar ao seu persoal fixo descontinuo nos períodos de suspensión do contrato.

A CIG-Administración Autonómica agarda agora que o Tribunal Supremo cree xurisprudencia para que a Xunta "non lle negue nunca máis a ningún outro compañeiro ou compañeira o poder traballar no período de inactividade do contrato".

Comentarios