domingo 01/08/21

O ocio nocturno galego ensaia a volta á normalidade

Seis pubs e discotecas da Galiza ensaiaron onte a reapertura dun sector que leva practicamente parado desde o inicio da pandemia.
A Sala Pelícano da Coruña foi un dos locais que participou na proba piloto do ocio nocturno (Foto: M.Dylan / Europa Press).
A Sala Pelícano da Coruña foi un dos locais que participou na proba piloto do ocio nocturno (Foto: M.Dylan / Europa Press).

Seis locais galegos de ocio nocturno tiveron onte a oportunidade de ensaiar o que será a volta a normalidade do sector. Fixérono con gran demanda por parte da clientela. En locais como a Sala Pelícano da Coruña, preto dun milleiro de persoas estiveron máis de media hora agardando para poder entrar no estabelecemento. 

A Sala Pelícano é o maior dos locais (máis de 1.500 metros cadrados) que abría as súas portas a modo de probas. Xunto a el, participaron na iniciativa outra discoteca de menor superficie e catro pubs. Para entrar nas discotecas foi necesario facelo con invitación previa e cunha PCR negativa. En todos eles o uso da máscara foi obrigatoria.

A ocupación dos locais no superou o 50% da súa capacidade no interior e o 75% en terrazas e espazos ao aire libre. As persoas responsábeis dos locais tiveron que garantir unha separación mínima de 1,5 metros entre mesas, así como as distancias interpersoais e os estabelecementos que participaron na proba piloto tiveron que fechar as portas á unha da mañá. 

Reactivación pendente

Segundo destacou o delegado da Xunta na Coruña, Gonzálo Trenor, que asistiu a posta en marcha desta proba "a pilotaxe permitirá obter datos en varios estabelecementos e o seu estudo facilitará mellorar as medidas para a reactivación do ocio nocturno cando se dean as circunstancias, xa que a finalidade última do plan é protexer a traballadores e clientela reducindo as posibilidades de contaxios".

Trenor, que lembrou que a Xunta ten previsto aprobar en breve un plan económico de 4 millóns de euros para apoiar o sector, incidiu en que o obxectivo destas medidas é paliar "a baixada absoluta, ingresos cero", do sector, un dos máis castigados pola crise, que supón, "sen ningunha dúbida, unha parte importante en empregos" na Galiza.

As verbenas, o 19

A semana que vén serán as verbenas as que ensaien a volta á normalidade. Arteixo, Lugo, Marín, Mondoñedo, O Carballiño e Tomiño acollerán o vindeiro 19 de xuño a seis orquestras participarán na proba piloto.

"É un paso adiante moi importante", recoñeceu o secretario da Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega (Asevega), Pablo Franco, que amosouse "moi ilusionado" cun ensaio que lles permitirá "detectar problemas que se poidan dar durante o verán e buscarlles solución".

"Podemos empezar a soñar con volver traballar", comentou Franco, unha ilusión á que tamén se referiu o presidente da Asociación Galega de Orquestras (AGO), Manuel Fraga, que indicou que a proba piloto serve ademais para "comprobar que a demanda en canto a verbenas segue existindo, por parte dos concellos e da xente".

A proba piloto das verbenas contará tamén con indicacións específicas, aínda que con base nas últimas medidas publicadas esta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade.

Así, as persoas asistentes aos espectáculos deberán estar de pé, con máscara obrigatoria e só poderán interactuar coa súa unidade de convivencia. Ademais, non estará permitido o consumo de alimentos e bebidas no recinto da verbena, motivo polo que algúns concellos, como o de Mondoñedo, habilitaron en espazos independentes bares e até atraccións de feira.

comentarios