A obra pública dille adeus a Galiza

A licitación de obra pública cae na Galiza en 37%, un dado preocupante e que contrasta co aumento que se rexistra no conxunto de Estado -suba de 40%, até case 13.000 millóns de euros-. A diminución dos investimentos da administración central en obra pública no noso país é factor determinante dunha situación con efectos en campos como o do emprego. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 305 de Sermos Galiza.

obra-publica-foto-da-xunta

6Antes da crise económica a licitación de obra pública na Galiza representaba por volta de 10% do total do investimento en infraestruturas no conxunto do Estado español. Un peso considerábel, importante, que nestes anos de recesión viuse reducido considerabelmente e agora apenas acada 5%, o que é unha caída de cinco puntos en apenas unha década.

A licitación de obra pública caeu en 2017 no noso país en 37% e volveu situar o investimento en mínimos históricos. Apenas 612 millóns de euros licitados en obra civil entre Xunta, concellos, deputacións e Estado. O que supón 360 millóns de euros menos que no exercicio anterior.

Galiza, Asturies e A Rioxa foron os únicos territorios onde se deu este recorte. De feito, o investimento en obras públicas aumentou no conxunto do Estado español en 40%. E entre os tres territorios onde descendeu foi Galiza o máis afectado: 37% de caída polo 31% da Rioxa e 22% de Asturies.

Onde?

Nesta redución de licitación de obra civil no noso país o Estado é o principal responsábel. Entre 2016 e 2017 houbo unha caída nos seus investimentos en infraestruturas no noso país de 77%, unha porcentaxe que resulta de pasar de case 500 millóns de euros a pouco máis de 100 millóns. Ás portas da crise, en 2008, a licitación de obra pública na Galiza polo Estado español andaba por volta dos 1.300 millóns de euros. Unha cifra que fai palidecer os 114 millóns de euros licitados en 2017 pola administración central no noso país.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 305 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios