O grupo Prisa presiona a Rajoy posicionándose a prol do rescate

O anuncio da saída de Mario Monti e a chegada de Silvio Berlusconi de novo á política fixo tremer --após semanas-- os mercados financeiros da eurozona. O aumento da prima de risco esperta as voces que demandan a solicitude dun rescate financeiro, entre elas o grupo Prisa.

O Editorial publicado polo xornal El País a pasada segunda feira era claro e contundente. "Rescate urxente" intitulaba o grupo Prisa o texto, argüíndo que o contrario só fará durar "máis a recesión" e aumentar o desemprego no Estado español. Segundo o grupo de comunicación, o incremento sufrido pola prima de risco nos últimos días --verbo da anunciada saída de Mario Monti do executivo italiano-- constitúe unha "medida obxectiva" da "desconfianza dos investidores" cara a economía española.

El País asegura que solicitar o rescate non supón "unha perda de soberanía"

Aliás, aseguran que tanto "os analistas económicos" como "as institucións nacionais e internacionais" emiten un "diagnóstico unánime" a respecto da necesidade de que o goberno liderado por Mariano Rajoy solicite axuda ao Banco Central europeo. No entanto, numeros@s académic@s e intelectuais, polític@s e economistas afastados da doutrina económica de mercado, afirman con rotundidade desde o estourido da crise económica que o rescate non consegue senón afondar aínda máis na débeda dos estados, así mesmo, a condicionalidade á cal se somete o empréstito, estabelece duras reformas e políticas de axuste que recaen sob as clases populares.

Malia que os exemplos das economías rescatadas --nomeadamente Grecia e Portugal-- dan boa conta das consecuencias sociais e políticas derivadas da solicitude de axuda á Troika, desde El País defenden que "non supón unha perda de soberanía, senón o exercicio compartido de esta nun contexto de crecente integración europea" e emprazan ao executivo español a non aprazar a súa solicitude pois, din, eso equivalería "a condear á economía española a unha recesión prolongada".

O grupo Prisa, procura coa súa publicación exercer presión sobre o goberno español para que este acoda ao Fondo de rescate europeo e mesmo apunta a necesidade de que se desenvolva unha "reforma a fondo" das pensións --entre outras-- "para asegurar a súa sostibilidade", din, que deberá producirse "de todos xeitos" aínda que a economía española non sexa intervida.

Comentarios