O goberno español abre a porta das farmacias ás grandes áreas comerciais

O executivo de Mariano Rajoy presenta o seu anteproxecto de Lei de Servizos Profesionais. O texto prevé a liberalización da propiedade e titularidade das farmacias e a supresión de incompatibilidades entre avogacía e procuraduría.
Farmacias
photo_camera Farmacias

O goberno español continúa adiante coa liberalización do sector sanitario de acordo cos ditames das institucións económicas internacionais. Neste senso, o executivo liderado por Mariano Rajoy fixo público o anteproxecto de lei mediante o que modificará a actual regulación dos servizos profesionais en aras dunha maior "competitividade da nosa economía" e a contribución a unha "maior competencia", segundo apunta o documento publicado.

O texto presentado recoñece que a medida responde aos mandatos da UE, o FMI e a OCDE

O ministerio de Economía e Competitividade considera que o actual marco normativo que regula as profesións vencelladas directamente ao control do Estado é "excesiva e obsoleta" polo que cómpre estabelecer un outro "marco común" que unifique os criterios entre territorios dentro do Estado e flexibilizar as obrigas de colexiación até "o estritamente necesario".

Así pois, o texto recolle como principio xeral da reforma a "liberdade de acceso, de exercicio e de habilitación única" para aquelas profesións que posúan unha reserva de actividade (sanitarias, xurídicas, educativas...). Porén, inicialmente serán obxecto da reforma as profesións técnicas (arquitectura, enxeñería e as súas correspondentes ramas técnicas); avogacía e procuradoría e farmacia.

Avogad@s e procurador@s poderán exercer simultaneamente

Neste senso, será obrigatoria a colexiación para a sinatura de proxectos e dirección de obras a enxeñeir@s e arquitect@s --tamén na súa vertente técnica--. Asemade, suprimirá a incompatibilidade entre a avogacía e a procuradoría permitindo que ambas as dúas profesións poidan ser exercidas de maneira simultánea, motivo polo cal será suprimido o "exame de Estado habilitante", até o de agora vixente.

A liberalización farmacéutica no punto de mira
Unha das cuestións máis controvertidas da reforma prevista polo goberno español é a disposición referida á propiedade e titularidade das farmacias. Neste senso o ministerio de Economía pretende liberalizar os puntos de venda, até o de agora exclusivos, de medicamentos de maneira que calquera podería ter a propiedade dunha farmacia, sempre e cando esta conte cunha persoa licenciada á fronte. O texto feito público asegura que a nova norma suprimirá "a reserva de exclusividade da propiedade" mais tamén a de "produción e conservación dos medicamentos".

A reforma, podería abrir a porta ás grandes áreas comerciais e empresas transnacionais que tan só terían que contratar a unha persoa titulada e colexiada para xerentar o negocio, un dos principais temores amosados polo sector. Este é un modelo semellante ao implantado nos EUA onde se dispensan medicamentos en supermercados e hipermercados.

Comentarios