O Clúster do Naval cifra en 10.000 os empregos en risco no sector e di que a espera polos floteis “é demasiado”

O presidente de Aclunaga, Fernando Alcalde, recoñece que de non se concretar en breve a construción deses dous buques, o sector “corre o risco de morrer no seu intento de chegar á beira”

 

Mobilización de Navantia
photo_camera Mobilización de Navantia

Xa non son só os sindicatos e representantes dos operarios do naval galego quen amosan a súa fonda preocupación polos famosos floteis de Pemex, vendidos pola Xunta de Feijóo hai seis meses como cousa feita para os estaleiros galegos e dos que, porén, non hai realidade palpábel algunha nas bancas do naval. Tamén desde Aclunaga, o Clúster do Naval de Galiza, comezan a dar sinais de inquietude e preocupación.

Nunha entrevista na Radio Galega, o presidente deste Clúster, Fernando Alcalde, se os tan prometidos floteis non comezan a se construír en breve, o sector mergullarase en ERE extintivo após ERE extintivo, Pois hai “máis de 10.000 empregos a piques de desaparecer”. Alcalde recoñece que o sector naval “corre risco de morrer” se non hai xa carga e traballo nos estaleiros de Galiza.

Aliás, o presidente de Aclunaga afirma que tanto tempo de espera dos floteis “é moito tempo, quizás demasiado”, se ben tentou botar un cabo á Xunta dicindo que se movía nas marxes “do esperábel”.

Conflitividade

Aclunaga tamén quixo enviar unha mensaxe a navegantes, ao afirmar que o que menos conviña ao naval galego era “conflictividade”, quizás consciente de que a perda continuada de milleiros de empregos en Ferrol e Vigo nestes anos, que se acentuaría co escenario para os vindeiros meses, provocaría a mobilización dos traballadores.

Comentarios