Novos EREs no naval vigués poñen o sector ao límite

CIG alerta de novos expedientes en estaleiros como Freire ou Vulcano e lembra a constante perda de empregos no sector

Representantes da CIG en diversos estaleiros de Vigo compareceron esta sexta feira para denunciaren a "avalancha" de EREs que en breve se van producir en factorías da comarca, afondando no regueiro de despedimentos que o sector sofre desde hai tempo. Así, Freire citou o comité de empresa para comunicarlles que a vindeira semana comezaban as negociacións sobre o ERE que afectaría a todo o cadro de persoal (64 traballador@s).

En Vulcano, o sindicato apuntou que tamén a vindeira semana podería aprobar un novo ERE rotativo entre todo o cadro de persoal (120 operarios) até marzo de 2013, á espera de pechar algún encargo.

A CIG tamén deixou claro que esta situación é "crítica", pois aínda que agora se logre carga de traballo para eses estaleiros, a actividade non se iniciaría até dentro duns seis meses..

O voceiro do naval da central nacionalista, César Rodríguez, exixiu unha "aposta clara" por este sector, alertando de que a situación está ao "limite".

Nesta liña, e perante a proximidade da campaña electoral, Rodríguez emprazou as formacións para que avalíen a posibilidade de habilitar "un Pymar galego" que avale as construcións navais na Galiza, ou ben facelo mediante ferramentas do Igape.

Comentarios