O naval, canso de agardar por uns floteis que a Cámara de Industria mexicana di que se van facer alí

O vicepresidente da Cámara de Industria e Transporte azteca afirmou hai uns días con rotundidade que "os floteis se farán en México". Representantes sindicais do naval de Vigo e Ferrol recoñecen que "ninguén sabe o que está asinado neses contratos" para os buques hoteis e salientan que "Pemex non decidiu nada". "Están a xogar co sector", advirten, en referenza aos gobernos autonómico e español
photo_camera Estaleiro de Barreras en Vigo

Pemex e o presunto encargo dos seus floteis en estaleiros de Galiza semella o conto de nunca acabar. Após semanas e semanas de vai e vén, de díxomes díxomes e disto e daqueloutro, aínda non hai certeza de que eses barcos hoteis se vaian facer nas factorías galegas. Malia as promesas e anuncios tanto da Xunta como de responsábeis de Navantia e Barreras, os estaleiros que terían que facer eses buques en México poñen en dúbida estes feitos. 

Así, Urreta Ortega, responsábel da Cámara Mexicana de Industria e Transporte Marítimo, afirmou que ambos os dous floteis van ser construídos no país centroamericano. Unha afirmación que non pasou desapercibida para representantes do naval de Ferrol e Vigo, como Manuel Grandal ou Cesar Rodríguez. Ambos os dous coinciden en que "após meses e meses a ouvir falar de Pemex aínda non sabemos o que está asinado neses contratos dos que tanto se falou".

Manuel Grandal, naval de Ferrol: "Navantia ten desde xaneiro todo listo: deseño feito do buque, material localizado, prezos,... mais todo está parado"

Revogar os acordos?

A Cámara mexicana insiste en que a construción dos floteis en Galiza debería estar en marcha desde mediados de febreiro. E iso non se produciu. Lonxe das afirmacións feitas polas administracións galega e española, a imprensa local mexicana informa de que Pemex estaría en disposición de revogar os acordos con Navantia e Barreras para a construción dos famosos floteis –acordos aínda sen ratificar-, xa que os estaleiros galegos non presentaron en prazo os avais financeiros requiridos. 

César Rodríguez, naval de Vigo: "Após meses e meses a ouvir falar de Pemex aínda non sabemos o que está asinado neses contratos dos que tanto se falou"

Segundo a imprensa de Veracruz, Juan Manuel Urreta Ortega, vicepresidente da Cámara Mexicana da Industria do Transporte Marítimo, explicou que o primeiro dos buques debería iniciarse sobre o 18 de febreiro, mais por mor das dificultades económicas as dúas empresas non presentaron a tempo os avais. De feito, a prensa mexicana xa fala de quebra tanto dos estaleiros de Barreras como de Navantia.

Manuel Grandal, da CIG de Ferrol, afirma que "non sabemos nada sobre o flotel". Sinala que Navantia ten "feitos os deberes" desde principios de ano, cos avais presentados, deseños feitos, material de construción localizado, prezos,... "mais aquí non se está a construir nada". Por que? "Porque non hai orde de execución", indica. E achega unha explicación para iso: "Pemex non decidiu se quere (facer en Galiza) os floteis ou non".

Nos últimos tempos, o naval de Ferrol perdeu 2.000 empregos directos e o de Vigo, perto de 8.000

Farangullas

Desde o naval de Vigo, César Rodríguez, da central nacionalista, lembra que "estamos a ouvir a falar de Pemex desde maio do ano pasado, primeiro de 14 remolcadores, despois de 2 floteis... e nada". Pregúntase que é o que "está asinado neses contratos, porque ninguén o sabe e o que o sabe non quere dicilo" e acusa os gobernos de estaren a "xogar coa desesperación de todo un sector".

Aliás, para Rodríguez Pemex non é a solución para o naval galego; algo que tamén partilla Grandal. Sobre a mesa, e aínda sen solución definitiva, tax-lease, dique flotante, veto... "iso si que son as cuestións de peso para este sector".

Comentarios