Análise

Museo Galego da Electricidade

Colectivo de Debate Enerxético Bidán. Escriben Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco.
Sede central de Pirelli, Milán; torres de Soweto, Johanesburgo; Museo da Electricidade de Lisboa e A Fábrica de Luz, Ponferrada. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Sede central de Pirelli, Milán; torres de Soweto, Johanesburgo; Museo da Electricidade de Lisboa e A Fábrica de Luz, Ponferrada. (Foto: Nós Diario).

É ben coñecida a relación de conflitividade social provocada na Galiza pola implantación de proxectos de xeración eléctrica, hai anos coas centrais hidroeléctricas, posteriormente coas minas e agora cos eólicos. En todo este tempo sempre houbo unha sensación, non falta de realidade, sobre a nula compensación socioeconómica que tivo Galiza por dita especialización imposta, tamén forzada.

Na actualidade asistimos a un cambio de ciclo na xeración eléctrica, tanto na Galiza como no Estado, e, no caso galego, despois do peche das minas de carbón no 2007, acométese o das centrais térmicas.

Meirama e As Pontes

A decisión das empresas eléctricas é a demolición de todas as instalacións. En Meirama xa completaron o derrubamento, que nas Pontes está pendente de permisos, pois semellan non querer deixar vestixios do recente pasado industrial.

Chegaron, colleron o carbón, queimárono obtendo grandes beneficios económicos privados, destrúen todo, e aquí non pasou nada; iso si, déixannos uns lagos artificiais, sen rematar, porque non lles queda outro remedio –ademais de aforrar cartos– e, para pechar o seu círculo, evitan calquera compromiso de futuro coas demolicións.

O caso das Pontes é unha oportunidade única, non hai máis centrais térmicas de carbón na Galiza, e no Estado só quedan dúas

Se facemos un repaso polo mundo, e sirva como guía de inicio a pequena escolma de  imaxes que ilustran esta análise, vemos como noutros lugares houbo alternativas para as grandes instalacións que unha vez impulsaron as compañías enerxéticas, tanto para centrais hidroeléctricas como para centrais térmicas.

Ao Colectivo Bidán, sen coñecementos en patrimonio industrial, gustaríanos aproveitar estas liñas que nos permite Nós Diario para solicitar a opinión de persoas expertas na materia, porque consideramos chegado o momento na Galiza para a creación do Museo Galego da Electricidade.

Historia industrial

A sociedade galega ten dereito a saber da súa historia industrial, o que este país aportou –e aporta– de riqueza en forma de electricidade e, tamén, o impacto que xera no noso territorio, ademais de dar a coñecer o funcionamento das diferentes instalacións. É algo que vemos noutros lugares, e non tan afastados de Galiza, dende Ponferrada, onde se pode visitar unha antiga central térmica, até Andorra la Vella, que explican como empezou o seu desenvolvemento actual a partires da construción dunha central hidroeléctrica –na que, por certo, traballaron moitos galegos e galegas–, e tamén en Lisboa, no Museu da Electricidade, na zona de Belém, por citar algúns exemplos.

O caso das Pontes é unha oportunidade única, non hai máis centrais térmicas de carbón na Galiza, e no Estado só quedan dúas. Por iso, débese valorar que se pode facer coas instalacións, de xeito total ou parcial. Na actualidade, a Dirección Xeral de Patrimonio ten aberto un expediente para analizar se a cheminea debe ser considerada BIC (Ben de Interese Cultural), o que lle daría protección e obrigaría á empresa propietaria a atender o seu mantemento.
Na mesma zona, para completar o coñecemento sobre instalacións de xeración eléctrica, temos dúas centrais hidroeléctricas, unha central de ciclo combinado (gas natural), o parque eólico experimental de Sotavento, moitos parques eólicos, algún parque fotovoltaico, e están anunciadas centrais de bombeo, de hidróxeno e de biomasa, ademais das posibilidades xa estudadas da xeotermia. É dicir, o máis amplo espectro de diferentes tecnoloxías nun contorno próximo, o que representa unha oportunidade única.

Un compromiso de todos

Mais non cremos que haxa que ter un museo destas características para representar exclusivamente o pasado e o presente da xeración eléctrica, ademais das loitas sociais e sindicais desenvoltas na súa fase de instalación e funcionamento. Tamén nas súas instalacións debe ter acollida un centro de I+D+i e competitividade en almacenamento enerxético, a pedra angular para a seguridade de subministración nun sector eléctrico en base a fontes renovábeis.

Unha proposta destas características, ademais da opinión imprescindíbel de persoas expertas en patrimonio industrial, non pode depender só dun impulso local, débense implicar no financiamento e na xestión a Administración galega, o Miteco xunto a outros ministerios e, tamén e de xeito inescusábel, as empresas eléctricas, a empezar pola actual propietaria da central térmica das Pontes.

Non pode ser que sempre sexa a vontade privada das empresas a que se impoña, tanto para construír –cando, como e onde queren– como para xestionar só cun interese privado e, finalmente, para pechar e destruír. O compromiso coa nosa historia e co noso futuro industrial debe ser prioritario, ten todo o dereito. É a súa obriga.

Comentarios