A multinacional Lactalis denuncia por vía xudicial os gandeiros polo bloqueo á factoría de Vilalba

Quer levar os produtores aos tribunais por bloquear a saída de camións da súa factoría de Vilalba. A Plataforma está en conversas con industria e distribución para atinxir un pre-acordo.

IMG_1761

A multinacional francesa Lactalis decidiu recorrer á vía xudicial contra os gandeiros que desde o sábado manteñen bloqueada a súa factoría de Vilalba, informan desde 'Campo Galego'. Así llo notificou aos produtores unha dotación da Garda Civil que se desprazou na tarde desta terza feira até a pranta industrial vilalbesa. O motivo da denuncia xudicial sería, sinalan desde Campo galego, impedir a saída de tres camións da factoría. “Iso supón un salto cualitativo por parte da multinacional francesa xa que os gandeiros poderían enfrontarse a penas de cárcere”, explican desde o medio especializado en información do sector.

Lactalis é moi reticente a asinar o acordo acadado en Madrid e a adoptar medidas que impliquen subir os prezos que lle paga aos gandeiros. A multinacional, porén, fai bo negocio en Galiza. Segundo informaba Economía Digital o pasado mes de xuño, a filial galega de Lactalis reparte máis de 2 millóns de euros anuais en dividendos á compañía francesa. As súas marcas: President, La Lechera, Puleva, entre outras.

Cómpre lembrar que Lactalis foi multada por Competencia cunha multa de case 12 millóns de euros por “prácticas anti-competitivas”.

Asemblea

A Plataforma está en conversas con industria e distribución para un pre-acordo de suba de prezos, un pacto que estea en vigor até o 22 de setembro, data na que xa estaría o acordo asinado en Madrid. Unha asemblea decidirá esta cuarta feira se mantén o bloqueo como até o de agora ou ben se o limita a aquelas empresas que se negan a aplicar unha suba do leite.

Comentarios