Menos do 9% das explotacións galegas se acollen ás axudas da UE para reducir a produción de leite

Só 781 granxas pediron esta subvención. No resto do Estado foron 786, en Francia 13.000 e en Dinamarca perto de 10.000.

Vaca
photo_camera Vaca

781 explotacións lácteas de Galiza se acolleron ás subvencións da Unión Europea para reducir a súa produción, o que representa menos do 9% das granxas leiteiras do noso país . A cambio destas axudas, estas granxas recortarán no último trimestre a produción en 10.481 toneladas, o que supón unha media de 13.400 quilogramos cada unha. Non é unha cantidade grande, tendo en conta que cada día se producen en Galiza máis de 10.000 Tm. A cambio deste compromiso, as granxas recibirán 14 céntimos por cada litro de leite que xa non van vender, o que supón que recibirán algo menos de 1.900 euros.

No resto do estado español foron 786 as explotacións que optaron por dar este paso. Após Galiza é Catela León (con 232 solicitudes) o territorio no que máis granxas pediron esta subvención, seguida de Asturies, con 211 peticións e Cantabria, con 138. No conxunto do Estado terán que venderse neste último trimestre 31.044 toneladas de leite menos.

No que atinxe a Europa, onde Galiza figura entre os 9 territorios máis importantes en canto a produción de leite, en estados como Francia ou Dinamarca estas axudas da Unión Europea tiveron unha importante acollida. No país galo houbo 13.000 solicitudes e en Dinamarca perto de 10.000. Con esta medida, Bruxelas cre que se vai poder acadar un equilibrio no mercado europeo entre oferta e demanda. 

Comentarios