O leite galego cae a mínimos históricos e obriga a fechar medio cento de granxas só nun mes

Os prezos seguen en caída libre. Son os máis baixos do Estado e continúan a baixar: sete veces en sete meses.

Vaca

Cada informe mensal que elabora o Fondo español de garantía agraria (FEGA) sobre os prezos do leite no Estado demostra que o que vai mal sempre pode ir peor, e no sector do leite de Galiza a marxe de empeoramento semella que non acaba. O último documento do FEGA amosa como os prezos continúan en caída libre no noso país: nos sete primeiros meses de 2016, sete caìdas no que se lle paga aos gandeiros, unha situación “insoportábel”, como recoñecen desde o propio sector.

O informe do Fondo indica que o leite pagouse de media a 26,8 céntimos o litro en Galiza en xullo, o que é unha baixada considerábel a respecto do xa de por si baixo que se pagaba en xaneiro (28,8 céntimos). Na primeira metade do ano caeu, logo, en 2 céntimos o litro. Non é de estrañar, pois, que nestes meses tivesen que botar o fecho 323 granxas galegas, 51 delas no mes de xullo, o último do que se dispoñen datos.

No Estado español o prezo medio ao que se pagou o leite ese mes foi de 28,6 céntimos o litro. O máis baixo desde hai catro anos. No caso galego, a situación é aínda peor, ao se pagar de media no noso país o litro a 2 céntimos menos que na media española.

“Enganan os gandeiros”

Esta terza feira, 6 de setembro, hai convocada en Lugo unha manifestación para denunciar a situación “catastrófica” que atravesa o sector leiteiro galego. A mobilización está convocada por Agromuralla e conta co apoio da OPL. O protesto (partirá ás 12:00 horas da Ronda da Muralla) critica que após un ano da sinatura do acordo lácteo (que non foi rubricado por SLG nin UUAA) a situación dos gandeiros é peor que antes. “Foi un engano os gandeiros”, afirman ao tempo que sinalan as responsabilidades da administración neste problema que obriga ao fecho de centos de explotacións leiteiras galegas.

Comentarios