Os bancos centrais apostan por seguir subindo os tipos de xuro

Un cumio nos EUA reúne as institucións monetarias.
Jerome Powell (Fed) e Christine Lagarde (BCE), en Sintra, Portugal (Foto: BCE).
photo_camera Jerome Powell (Fed) e Christine Lagarde (BCE), en Sintra, Portugal (Foto: BCE).

A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, apostou onte por manter os tipos de xuro tan altos como sexa necesario para controlar a inflación, e mantelos até conseguir conter a suba de prezos e chegar ao obxectivo de 2%. "Non existe un manual preexistente para a situación que enfrontamos hoxe, polo que a nosa tarefa é elaborar un novo", afirmou Lagarde. 

Así o fixo despois de que o presidente da Reserva Federal dos EUA (Fed), Jerome Powell, advertiu esta sexta feira de que, a pesar de que a taxa de inflación se moderou recentemente, "segue sendo demasiado alta", polo que asegurou que o banco central estadounidense está aberto a realizar novas subas dos tipos de xuro se fose necesario.

"Aínda que a inflación baixou desde o seu pico, algo benvido, segue sendo demasiado alta", afirmou Powell no seu discurso de apertura do encontro anual que organiza a Reserva Federal de Kansas City en Jackson Hole, no Estado de Wyoming, nos Estados Unidos de América.

"Estamos preparados para aumentar aínda máis os tipos [de xuro] se corresponde e pretendemos manter a política nun nivel restritivo até que esteamos seguros de que a inflación está a descender de maneira sostíbel cara ao noso obxectivo", dixo.

Powell sinalou que aínda non é posíbel saber se continuarán estas lecturas máis baixas ou onde se estabilizará a inflación subxacente (que non ten conta a enerxía e os alimentos frescos) nos próximos trimestres.

Na súa opinión, a incerteza actual complica o labor dos bancos centrais á hora de equilibrar riscos, xa que, explicou, facer demasiado pouco permitiría arraigar unha inflación elevada que exixise unha actuación da política monetaria cun alto custo para o emprego, mentres que facer demasiado podería causar danos innecesarios á economía.

Zona euro

Uns argumentos que tamén compartiu esta sexta feira o presidente do Bundesbank (o banco central de Alemaña), Joachim Nagel, en declaracións a Bloomberg. O membro do Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) considerou que aínda é demasiado pronto para pensar nunha pausa no ciclo de subas dos tipos de xuro na zona euro.

Comentarios