Inditex fecha temporalmente as súas 502 tendas en Rusia, con máis de 9.000 empregados

É o seu segundo mercado, despois do Estado español.

Unha tenda de Zara en Madrid. (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press) #zara #zarahome #massimodutti #pull&bear #oysho #inditex #multinacional #arteixo #ere #laboral #protesta #despedimentos #cig #sindicato
photo_camera Unha tenda de Zara (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press)

Inditex decidiu pechar as súas 502 tendas en Rusia, o seu segundo mercado despois do Estado, con máis de 9.000 empregados, como consecuencia da invasión rusa en Ucraína.

"Inditex informa de que nas actuais circunstancias non pode garantir a continuidade das operacións e das condicións comerciais na Federación Rusa e suspende temporalmente a súa actividade nas 502 tendas (das cales, 86 son Zara) e na canle 'en liña' do país", sinalou nun comunicado remitido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Rusia constitúe ao redor de 8,5% do resultado neto de explotación (Ebit) global do grupo.

A compañía fundada por Amancio Ortega resaltou que todas as tendas operan en réxime de alugueiro, polo que o investimento non é relevante desde o punto de vista financeiro. Inditex asegurou que segue tendo como prioridade o seu persoal de máis de 9.000 persoas, coas que vai desenvolver a partir deste intre un plan especial de apoio.

Desta forma, a compañía galega, cuxas accións caeron esta sexta feira 3,78%, até 20,36 euros, e 16% desde que comezou o conflito bélico o 24 de marzo, decide retirarse de Rusia despois de que outras empresas do sector téxtil como  H& M, con 168 establecementos en Rusia, e Mango, con 120 tendas, das que 65 son franquías, decidisen saír do país.

Impacto

Sufrir as consecuencias da intervención rusa en Ucraína, non só polos efectos xerais do conflito a nivel económico europeo e xeral — suba de combustíbel, inflación...— mais tamén polo impacto en sectores propios ou con importante implantación na Galiza. Automoción, téxtil, peixe transformado... son algúns dos que poden verse afectados. Máis de 600 millóns de euros en xogo.

Nos once primeiros meses de 2021 a Galiza exportou a Ucraína por valor de case 103 millóns de euros e vendeu a Rusia produtos e mercadorías por 113 millóns. Entre ambos os dous suman 216 millóns de euros. 

Que foi o que máis exportamos? Automóbiles aos ucraínos (48 millóns de euros) e téxtil aos rusos (30 millóns). A Ucraína o segundo que máis lle vende a Galiza é peixe conxelado, por valor de 25 millóns de euros; e produtos da nosa industria química, como insecticidas, uns 15 millóns de euros. Disto último tamén vendemos a Rusia e por un valor de perto de 30 millóns de euros. Nomes internacionais como Inditex, por achegar outro dato, teñen 500 tendas en Rusia e 72 en Ucraína.



 

Comentarios