O Ministerio di que baixar o IVE non implica reducir prezos

O Goberno estatal admite a ineficacia da medida da rebaixa do IVE.
A vicepresidente primeira do Estado español, Nadia Calviño, esta segunda feira (Foto: Europa Press).
photo_camera A vicepresidente primeira do Estado español, Nadia Calviño, esta segunda feira (Foto: Europa Press).

O Goberno do Estado español sinalou nunha resposta parlamentaria a ERC que a supresión do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) en alimentos básicos e a baixada de 10 a 5% deste mesmo tributo en pastas e aceites aprobada a comezos de ano "non implica necesariamente unha rebaixa de prezo".

Desta maneira, sinala o Executivo estatal, unha rebaixa da fiscalidade indirecta, como é o caso do IVE, non implica necesariamente unha rebaixa de prezo, senón que implica un menor prezo fronte á situación sen rebaixa impositiva. É dicir, que de non haber esa rebaixa de IVE, os prezos dos alimentos serían probabelmente máis caros que o seu custo actual.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), os prezos dos alimentos creceron en marzo 16,6% en taxa interanual na Galiza, marcando o mesmo aumento que en febreiro e anotando a súa taxa récord por segunda vez consecutiva.

Ao respecto, a vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, recoñeceu que hai "resistencia" a que o prezo dos alimentos baixe por parte das cadeas de supermercados.

"Esa resistencia é a nosa principal preocupación neste momento porque afecta xustamente o benestar das familias", subliñou a vicepresidenta primeira do Estado español e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Sen novas medidas

Preguntada por se o Executivo estatal ten previsto adoptar novas medidas que inflúan no prezo dos alimentos, Calviño limitouse a afirmar que as medidas que xa se puxeron en marcha "aínda teñen percorrido".

Unha posición que contrasta coa reclamación do sindicatos agrarios galegos, que manifestaron en reiteradas ocasións a necesidade de acometer a limitación dos prezos da alimentación.

Comentarios