sábado 11.07.2020

Gayoso nega responsabilidades e elude as preguntas do BNG


Gayoso elude a súa responsabilidade e evita as preguntas do BNG na comparecencia hoxe na Comisión de Economía para informar sobre a situación financeira da Caixa galega
Gayoso nega responsabilidades e elude as preguntas do BNG

A comparecencia hoxe de Julio Fernández Gayoso, ex Copresidente de Novacaixagalicia, na Comisión de Economía para informar sobre a situación financeira da Caixa galega deixou moitas dúbidas sobre a súa funcionalidade. Algunhas formacións políticas solicitaron outro formato que evitase un sistema que logo non servise para nada.

A primeira intervención de Gayoso causou indignación entre @s [email protected] despois de que asegurase que Caixanova era unha entidade "de absoluta solvencia". Presentouse no Congreso como director de Caixanova "xubilado desde o 2006" e afirmou que as súas funcións en Caixanova e en Novacaixagalicia eran de "carácter institucional ou representativa", sen poderes no consello.

Unha vez escoitada a comparecencia do ex Copresidente de Novacaixagalicia, deputadas e deputados lanzaron unha batería de preguntas perante un Gayoso coa face desencaixada. Olaia Fernández Davila, deputada do BNG no Congreso, criticouno duramente e reclamoulle que “respostase sobre a situación de Novacaixagalicia" e non a "expor a situación de Caixanova nos bos momentos e a súa obra social". Defendendo unha "Caixa galega", a deputada do BNG puntualizou que "sempre e cando contribúan ao desenvolvemento económico de Vigo e de Galiza".

A deputada do BNG exixiu a Gayoso explicacións de porque "non houbo información a quen mercou preferentes"

Salarios, preferentes e fusión
Davila lembroulle a Gayoso a cuestión dos exorbitantes salarios, indemnizacións e xubilacións dos directivos da entidade, sobre todo "nun momento de grave crise como o actual".
Sobre as preferentes, exixiu a Gayoso explicacións de porque "non houbo información a quen mercou preferentes" por canto este é o escándalo máis grande desa entidade ao afectar a tantos aforradores e aforradoras do país.

Un dos momentos máis tensos foi cando a nacionalista quixo saber sobre o informe que avaliaba a fusión de ambas Caixas. Na súa intervención, Davila non entendeu que, unha vez que ese informe fose favorábel despois da fusión, "a situación se tornase caótica”. Para a nacionalista alguén mentiu en todo ese proceso, ou as Caixas ou a Xunta que foi quen avalou o informe positivo.

Gayoso elude responsabilidades
Após as respostas do Ex Copresidente de Novacaixagalicia non convenceren, remitiuse ao Fiscal e á Audiencia Nacional no caso das preferentes e ao cobro de indemnizacións millonarias e xubilacións. “Non cobrei un euro nunca pola miña xubilación, nin hai seis anos nin despois", asegurou.
Sobre o informe encargado pola Xunta a KPMG que aseguraba que a fusión era positiva, Gayoso dixo que "nunca" o tivo. Logo pasoulle a bóla ao consello da Caixa ao afirmar que "na miña caixa mandaba o consello, non eu". Rexeitou voltar a "abrir este tema" posto que, asegurou, "é un camiño que non leva a ningures".

  

comentarios