Gandeiros marchan en Lugo para denunciar “a situación catastrófica” do sector leiteiro

Denuncian a constante caída de prezos, o desleixo e desinterese da administración e mandan un sinal de alerta: “O rural desaparece”. Na manifestación participaron varios centos de persoas.

 

manifestación leite agromuralla @revistaafriga

Centos de persoas tomaron parte en Lugo na mobilización convocada convocada por Agromuralla, e apoiada por organizacións como a OPL, para denunciar a “situación catastrófica” do sector gandeiro galego. “Non ao peche de máis granxas”, líase nunha das faixas principais, un chamamento que chega após os últimos datos que indican que só nun mes, en xullo, 51 explotacións tiveron que botar o fecho no noso país. Un total de 323 desde que comezou o ano e ata xullo, máis de 2 cada día.

A mobilización percorreu a Ronda das Muralla lucense precedida por 2 vacas e cunha pancarta “Somos gandeiras...por pouco tempo”, ben indicadora de como os produtores interpretan a situación que viven desde hai anos, cun prezo que non para de desplomarse e que en xullo acadou mínimos históricas. Había unha década que non se pagaba tan pouco o leite galego. E mentres nestes 10 anos os custos aumentaron, o prezo baixou.

manifestación leite @revistaafriga“Industrias, distribuidoras, multinacionais, administración... están a destruír o sector lácteo galego. Non sexas cómplice!”, pedían os organizadores da marcha, na que houbo fortes críticas para os axentes da cadea do leite responsábeis dos baizxos prezos que se pagan aos gandeiros, así como fortes críticas a unha administración que “non fai nada”. “O rural despobóase” e corre risco de desaparecer, alertan.

Explican que producir un litro de leite nunha explotación galega custa 34 céntimos, mais o que se paga de media non chega aos 27 céntimos, 2 menos que o ano pasado. E isto que implica? Que desde mediados de 2015 até agora “fechasen 600 granxas e se perdesen mil postos de traballo”.

"Non ao peche das granxas!", "Non máis mentiras, o rural agoniza", "Non queremos parches, queremos solucións" foron algúns dos berros que percorreron a manifestación.

Imaxes: @Seragro e @revistaafriga

Comentarios