Os tractores volven ruxir en Lugo en protesta polos baixos prezos do leite

tractorada lugo leite carlos castro agromuralla
photo_camera (Foto: Carlos Castro)

Ducias de gandeiros e outros tantos tractores, convocados pola asociación Agromuralla, rodearon esta quinta feira a Muralla de Lugo en protesta polos baixos prezos que os produtores reciben polo leite e que, segundo denuncia, non cubren os custos de produción.

Na iniciativa, un carro tirado por dous bois que portaba un féretro cunha coroa na que se podía ler 'Os ministros de agricultura non te esquecen', simbolizou o declieve do sector "afogado" por estes baixos prezos "en orixe" nun contexto en de suba dos custos de pensos, combustíbel e electricidade.

Pola Ronda, os condutores dos tractores fixeron soar soar as bucinas, no entanto perto dun milleiro de gandeiros protestaban ante a Xunta facendo tamén soar nalgún casochocas.

"Basta de espremernos" ou "Esiximos que se aplique a lei de cadea alimentaria", son algunha das frases que se puideron ler nas camisetas negras, a modo de "loito", que portaban os participantes.

En declaracións aos medios, o presidente de Agromuralla, José Luís Pérez, sinalou que os gandeiros viven "unha situación límite". "Ofrecemos un produto de calidade que non vai acorde ao que se paga, estamos cuns custos, a día de hoxe, para producir un litro de leite de 40 céntimos pero subindo dun día para outro, e o prezo de venda de media está en 32 céntimos e medio. Así é impoíbel que saian as contas", sinalou.

Con respecto a ese "desfasamento", sinalou que sobreviven "tirando do aforrado, refinanciando débeda e atrasando pagos". De feito, asegurou que "xa hai queixas de fabricantes de pensos que empezan a ver falta de pagamentos".

Comparando na nosa explotación, o ano pasado, pasamos de pagar 450 euros de luz a 1.058 na última factura

Outro aspecto que agravia o sector lácteo en Galiza é "a constante suba" do prezo da electricidade e do combustíbel. "Comparando na nosa explotación, o ano pasado, pasamos de pagar 450 euros de luz a 1.058 na última factura. Pasamos de pagar o prezo do concentrado a 28 céntimos a 33 céntimos hoxe", sinalou para manifestar lamentar tamén a alza do prezo do combustible.

Pérez sinalou que a esta quinta feira é a primeira dunha serie de accións de protesta, xa que seguirán mobilizándose. "Isto é un comezo para que a administración tome conciencia do que está a pasar e se non vemos resposta haberá que seguir facendo presión", ameazou.

Unha gandeira, dos centos que se sumaban ás protestas, afirmou que "é unha pena que o campo se estea morrendo. Hai que darlle vida porque non pode ser que as grandes industrias estean a levarse todo e os gandeiros estean a arruinarse", manifestou.

Comentarios