Fruga reitera a “necesidade” dunha Interprofesional láctea galega

Consideran que a existente, a nivel estatal, “non defende con claridade o sector lácteo galego”.

Concentración da Fruga diante do Mercadona de Narón (Nós Diario)
photo_camera Concentración da Fruga diante do Mercadona de Narón. Imaxe de arquivo (Nós Diario)

A Federación Rural Galega (Fruga) reitera que Galiza “necesita unha Interprofesional Láctea propia” por considerar que a existente a nivel español non defende o sector galego.

A organización agraria mostra, a través dun comunicado, o seu “abraio” pola actitude desa interprofesional estatal (Inlac) en relación a un estudo sobre redución de emisións de carbono. Un traballo no que, sinalan, non hai referencia á produción leiteira da Galiza, “cando somos a primeira zona tanto en número de explotacións (56% do total), como en litros producidos”.

Dito estudo ten como obxectivo procurar as mellores técnicas dispoñíbeis para diminuír as emisións de gases derivadas das explotacións lácteas do Estado español, lembra a Fruga, para o que “parte de facer un diagnostico da actual situación das ganderías do Estado, co fin de atopar as solucións correctoras a este problema”.

O informe publicado pola Inlac fai un definición das explotacións lácteas do Estado en función do seu sistema de manexo e tamaño das mesmas co que Fruga está en desacordo. Segundo a Federación, dise no "Estado español predominan as explotacións intensivas mediterráneas con mais de 500 animais, e en menor medida as que fan transhumancia en distintas épocas do ano".

“Desde logo este diagnóstico non se corresponde para nada coa realidade das explotación galegas. Xa que por unha banda temos as intensivas que producen a maior parte da seu forraxe na propia explotación, e por outra banda existen os sistemas de pastoreo combinados con producións forraxeiras, cunha parte importante da superficie dedicada a pastos permanentes. Na Galiza o numero de explotacións que superan as 500 cabezas non é significativo”.

E conclúe esta organización: “Cando se fai un diagnostico totalmente alleo á nosa realidade, as medidas a aplicar tamén van ser falidas. O cal indica o papel da interprofesional láctea española”.

A representatividade dos gandeiros galegos na INLAC está atribuída a 3 centrais sindicais; ASAJA, COAG-SLG e UPA-UUAA, ademais do sector cooperativo. “Desde Fruga queremos deixar ben claro que a Inlac non nos representa. Non defende con claridade o sector lácteo galego, tendo en conta ademais que algún gandeiro galego forma parte da Xunta Directiva desta interprofesional.

Comentarios