Galiza pechou agosto con 32.685 persoas desempregadas máis que hai un ano

O paro baixou en agosto con respecto a xullo en 2.931 persoas. Mais na Galiza hai agora perto de 32.700 desempregad@s máis que a estas alturas de 2011, o que supón un aumento do 14,5%
Reforma laboral, máis desemprego
photo_camera Reforma laboral, máis desemprego

Na Galiza había o 31 de agosto un total de 257.267 persoas en situación de desemprego. Un número lixeiramente inferior ao rexistrado no mes anterior, xullo, cando había 2.931 parad@s máis. Con todo, a comparativa interanual, que permite comprender mellor o contexto de evolución do desemprego, é desastrosa para Galiza. Nestes últimos 12 meses, desde agosto de 2011, aumentou o número de persoas desempregadas en 32.685. Isti é, que hai actualmente na Galiza un 14,5% máis de parad@s que no verán pasado. Unha porcentaxe superior en case tres puntos á media do Estado español (case 12%).

Neste período a destrución de empregos produciuse en todos os sectores, nunha tendencia que é notábel desde 2010 e que deixa especial pegada na construción e nos servizos.

No que atinxe ao estado español no seu conxunto, o número de  desempregad@s aumentou en 32.685 persoas, tras catro meses de tendencia á baixa, sendo xa un total de 4.625.634 @s parad@s. O alza do desemprego no mes de agosto é, porén, o menor que se rexistrou desde o exercicio 2006.

En canto á variación interanual no estado, o desemprego aumentou nun 11,98%.

BNG: "Fracaso de Feijóo"

A parlamentaria do BNG, Carmé Adán, fixo unha valoración dos datos do desemprego na Galiza. Adán lembrou que a tendenza laboral debe de ser analizada e interpretada en parámetros temporais máis longos que o do mes a mes. E así, nestes últios doce meses, o número de persoas desempregadas na Galiza auentou un 14%, por riba da media do estado.

E tamén apuntou que de 2009 a 2012 o paro no estado aumentou nun 12% mentres que na Galiza fíxoo nun 23%. Unha mostra, afirou, do fracaso de Núñez Feijóo.

CIG: Alto índice de desemprego e temporalidade

Desde a central nacionalista CIG manifestan que a leve baixada do paro en agosto non pode ocultar que o noso país contabiliza un 14,55% máis de persoas desempregadas que no mesmo mes de 2011. Alén diso, a CIG lembra que 107.471 persoas que se atopan nesta situación non perceben ningún tipo de prestación, 80.389 teñen a prestación contributiva, "mentres que o resto recibe o subsidio ou a renda activa de inserción, ingresos que non superan os 500 euros mensuais".

Salienta tamén este sindicato a alta temporalidade do emprego, "tendo en conta que dos 63.955 contratos subscritos en agosto só un 5,5% foron indefinidos".

Comentarios