Galiza sitúase á cola de Europa en penetración da mobilidade eléctrica

Galiza e o Estado español presentan os peores resultados de Europa na aposta no vehículo eléctrico e a infraestrutura de recarga.
Recarga dun vehículo eléctrico. [Imaxe: arquivo]
photo_camera Recarga dun vehículo eléctrico. [Imaxe: arquivo]

A Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (Anfac) vén de sacar as cores a Galiza no que a penetración da mobilidade eléctrica se refire. Segundo os datos correspondentes ao cuarto trimestre de 2019 do Barómetro da Electromobilidade que elabora a asociación, Galiza sitúase á cola do Estado español neste aspecto, con 8,7 puntos sobre cen, só superada por Ceuta e Melilla, con 4,5 puntos sobre cen. 

A aposta das galegas polo vehículo eléctrico sitúase tamén moi afastada dos valores doutros territorios da Unión Europea. De feito, o propio Estado español está á súa vez entre os países con menor penetración da mobilidade eléctrica. Segundo os datos de Anfac, ocupa a última posición no mercado europeo (EU 15), cunha puntuación de 16,4 sobre 100, mentres que a media europea situouse en 27,9 puntos. Por diante atópanse países como Francia (23,5), Hungría (23,9) e Italia (24,4), tamén por baixo da media europea.

Sen electrolineiras

No que respecta ao indicador de infraestrutura de recarga, o Estado español tampouco sae ben parado. Ocupa a última posición en Europa, con 16,7 puntos sobre unha media de 27,3. Noruega, ao igual que acontece coa carreira cara a electromobilidade, lidera o despregamento  da rede de recarga, con 120,8 puntos sobre cen, seguida de Holanda (121,3) e República Checa (95,6).

Galiza, pola súa banda, sitúase tamén á cola dos territorios do Estado español neste indicador, con 5,4 puntos sobre cen, e novamente só superada por Ceuta e Melilla (0,9 puntos). No extremo contrario, Catalunya encabeza a clasificación neste campo, con 26,4 puntos, por diante de Asturias, 26,3, e Aragón, con 23,5 puntos. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios