O BOE publicou a Orde TEC/271/2019 que estabelece os suplementos territoriais en diferentes territorios en relación ás peaxes de acceso de enerxía eléctrica do exercicio 2013, e establece o procedemento de liquidación dos suplementos territoriais. Unha orde pola cal Galiza, potencia produtora de enerxía, vai ter que pagar a suba da luz máis cara de todo o Estado español: a luz vai subir na Galiza unha media de 16 euros por cliente para compensar as eléctricas polos impostos autonómicos que pagaron. A factura desta compensación para Madrid -que non produce nin un só megavatio- é de 30 céntimos por habitante. Territorios como Canarias ou Euskadi libran deste recargo. Catalunya e Andalucía fican por baixo dos 50 céntimos por persoa consumidora.
As clientas e clientes galegos deben de facer este pagamento para compensar as eléctricas por varios canons autonómicos, como o eólico e o dos encoros. Unha sentenza do Tribunal Supremo de hai cinco anos daba a razón ás eléctricas, que pedían que lle devolvesen o diñeiro pagado por eses impostos. O Tribunal avalou nunha sentenza de xuño de 2014 o dereito das eléctricas a recuperar o pagado en impostos autonómicos. O alto tribunal considera que os impostos autonómicos son un “sobrecusto” que deben asumir as consumidoras e consumidores de cada autonomía para non danar “a unidade do mercado” español. Que Galiza exporte enerxía e soporte os custos desa actividade para acabar pagando o mesmo por ela que en Madrid -que non produce nin ten retornos negativos da actividade- non altera, ao que se ve, a unidade do mercado. Todo o contrario.
O BNG xa denunciou no Parlamento o que cualifica de “atraco a man armada”. A deputada Noa Presas considera que a orde publicada no BOE confirma “a mentira” de que o Estado ten unha tarifa eléctrica única “porque os galegos e as galegas imos pagar, grazas ao PP, a factura máis alta de todo o Estado. “Pedimos á Xunta que faga valer o acordo impulsado polo BNG o 22 de novembro de 2018 e manter unha posición de país para esixir ao Estado que asuma a contía destes suplementos territoriais vía orzamentos”, demandou a nacionalista.