Acción simbólica do BNG no encoro de Os Peares

"Galiza produce, Madrid consome"

O BNG continúa coa súa campaña a prol da tarifa eléctrica galega. Este domingo, a formación soberanista realizou unha acción simbólica no encoro de Os Peares, onde despregou unha faixa xigante coa palabra de orde "Galiza produce, Madrid consome".

encoro

Segundo as estimacións do BNG -verbalizadas este domingo pola deputada Noa Presas-, a aplicación da tarifa eléctrica galega resultaría nunha redución no recibo da luz para particulares e empresas por volta de 30 por cento.

Destarte, salientou, "Galiza podería beneficiarse do feito de ser excedentaria" na produción de enerxía eléctrica".

O BNG vai levar ao Pleno do Parlamento galego o debate sobre a viabilidade dunha tarifa específica para o país, avanzou a tamén parlamentar Olalla Rodil. "Segundo os últimos dados do INEGA (2012), Galiza exporta 40 por cento da electricidade", afirmou. O BNG critica que o país fique só cos custos ambientais da produción e, en troca, non obteña ningún beneficio económico compensatorio.

encoro 2encoro 2

Con esta acción no encoro de Os Peares -unha instalación que explota Gas Natural Fenosa- o BNG quería enfatizar que "estamos nun momento clave" porque "moitas destas concesións están a piques de caducar". Sería a oportunidade, interpretan as e os nacionalistas, para a Xunta da Galiza "recuperar a xestión pública dos saltos hidroeléctricos mediante unha empresa pública".

"Nun momento onde todo o mundo fala de pobreza enerxética desde o BNG queremos sinalar a nosa riqueza enerxética. Este tipo de construcións [polos encoros] están amortizadas e é hora de que revertan no ben da veciñanza. O propio Goberno recoñeceu nunha pergunta do BNG que só unha destas concesións ten cláusulas sociais, polo que estamos a regalar os recursos a cambio de nada", resaltou Noa Presas.  

As dúas fotografías son da autoría do BNG

Comentarios